Rosalía Rodríguez Craven e Sara Espiño Vaamonde gañan o Concurso de videopoemas da Casa Museo de Manuel María

Rosalía Moraig Rodríguez Craven, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, co videopoema Estranxeira na súa patria, e Sara Espiño Vaamonde, do IES A Pontepedriña de Santiago de Compostela, co videopoema Castellanos de Castilla, resultaron gañadoras da VIIIª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María. As estudantes compostelás obtiveron os dous premios outorgados pola Casa-Museo Manuel María durante o acto que se celebrou en Outeiro de Rei (Lugo) e en que se expuxeron os sete traballos finalistas desta edición, entre os máis de medio centenar presentados por distintos centros educativos de toda Galiza.
O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, premiou o videopoema Estranxeira na súa patria, de Rosalía Rodríguez, “polo seu moi bo nivel na produción: vestiario, interpretación, ambientación, destacada fotografía... e que con dominio da técnica narrativa consegue ritmo poético e un eficaz contido creativo”. Así mesmo, premiou o videopoema Castellanos de Castilla, de Sara Espiño Vaamonde, “polo dominio da linguaxe audiovisual, unha gran fotografía, planos hipnóticos nunha excelente ambientación que contextualiza visualmente o poema, un ritmo e unha narrativa coidadísimos que terminan creando toda unha experiencia sensorial”.
O concurso de videopoemas que organiza a Casa-Museo Manuel María ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Nesta oitava edición que se cerrou onte contou con participantes de centros educativos de Lugo, A Estrada, A Coruña, Compostela, Sarria, Nigrán, Ponteareas, Porriño, Vila de Cruces, Narón, Zas, Ponteceso e Trazo.