Rouco lamenta que Rueda marche "sen atender as demandas de Vilalba"

TerraChaXa
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, critica que a Xunta de Galicia peche a lexislatura “sen atender as principais demandas e peticións por parte do noso concello”.
marta rouco alcaldesa vilalba toma de posesion6
11 Xan 2024

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, critica que a Xunta de Galicia peche a lexislatura “sen atender as principais demandas e peticións por parte do noso concello”.

“Nada máis tomar posesión Alfonso Rueda, hai case dous anos, pedimos unha reunión para desbloquear proxectos clave para Vilalba, pero en ningún momento atendeu a nosa solicitude”, lembra Rouco.

O concello ten tamén solicitadas sen éxito reunións coa conselleira de Política Social, o secretario xeral para o Deporte ou o director xeral de Mobilidade para falar do centro de día, a estación de autobuses ou o SAF, entre outros temas.

“A nula colaboración por parte da Xunta é un desprezo aos vilalbeses”, engade a alcaldesa, “como tamén é un castigo para os nosos veciños e veciñas os orzamentos da Xunta, que desde hai cinco anos non inclúen nin un só euro para o noso concello”.

“É unha forma de entender a política completamente partidista, pero así non castigan a un goberno local progresista, castigan aos veciños e as veciñas de Vilalba”, sostén Rouco.

“E mentres pasa isto, o concello asume cada vez máis competencias impropias, asumindo gastos que lle corresponden á Xunta por exemplo no Servizo de Axuda no Fogar ou na xestión do comedor da escola infantil municipal”, remata a alcaldesa.

0.18814897537231