Rouco reclama á Xunta a cobertura de profesionais no centro de saúde

TerraChaXa
Advirte que no centro haberá en breve tres xubilacións e que actualmente o tempo de agarda para unha cita é de dúas semanas
centro-saude-vilalba
17 Jan 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, advirte de que “no centro de saúde da nosa vila están previstas 3 novas xubilacións, 1 nos vindeiros meses e 2 de cara ao verán, polo que é unha necesidade inminente que a Xunta de Galicia planifique estas baixas e as cubra con profesionais de atención primaria”.

O centro de saúde de Vilalba atópase neste momento con “3 cupos de médicos de atención primaria sen cubrir e outro que só ten cobertura 3 días á semana, un deses días a media xornada”, asegura a rexedora vilalbesa, quen destaca que “no mellor dos casos o tempo de agarda para conseguir unha cita co médico de cabeceira é de dúas semanas, pero pode chegar a superar o mes”.

De cara ao verán, no centro de saúde de Vilalba está prevista a xubilación de dous profesionais de atención primaria que se suman á xubilación nos primeiros meses do ano doutro profesional, “o que suporía, se a situación segue como na actualidade, que dos 11 cupos do centro, máis da metade quedaran sen profesional de referencia e, polo tanto, que as listas de agarda se dupliquen”.

“É unha necesidade inminente que a Xunta de Galicia actúe con tempo e forma ante esta situación, cubrindo os cupos que quedarán sen profesionais durante o verán”, asegura a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quen con esta advertencia pretende “que a atención primaria dos nosos veciños e veciñas estea asegurada”.

Ademais, Rouco salienta que “durante o verán, os profesionais acostuman ter que atender a máis pacientes derivados do centro de saúde do concello de Abadín e a Xunta non pode esquecerse das ausencias de profesionais de vacacións, baixas puntuais ou permisos ós que os médicos teñen dereito como todos os traballadores”, polo que a alcaldesa de Vilalba lle urxe á Xunta de Galicia “unha previsión óptima para que a situación do noso centro de saúde non se agrave máis aló das circunstancias límite que atravesa na actualidade, o que comprometería de cheo a saúde dos nosos veciños e veciñas”.

0.16511702537537