Rouco reclama o compromiso de Mobilidade de visitar a estación de autobuses

TerraChaXa
“Vilalba necesita desbloquear con urxencia unha situación que non merecen os nosos veciños e veciñas, cunha estación de autobuses en estado de abandono”, engade a alcaldesa
estacion-autobuses-vilalba
24 sep 2024

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, pídelle a Judit Fontela, directora xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, que realice “con urxencia” a visita prevista á estación de autobuses para atopar unha solución.

Nunha carta enviada onte pola alcaldesa, Rouco lémbralle que “no encontro que mantivemos o pasado mes de xullo, obtiven de vostede o compromiso de que se desprazaría a Vilalba a comezos de setembro para avaliar o estado da estación de autobuses e, xunto aos técnicos da consellería, estudar as posibles solucións para a infraestrutura”.

“Vilalba necesita desbloquear con urxencia unha situación que non merecen os nosos veciños e veciñas, cunha estación de autobuses en estado de abandono”, engade a alcaldesa.

En palabras de Marta Rouco, “falamos dun asunto de gran transcendencia para o noso concello e dun servizo, o do transporte público, que merece prioridade, polo que é moi urxente atopar unha solución, agardando que a visita da directora xeral de Mobilidade a Vilalba poida realizarse o antes posible”.

“En novembro do ano pasado, a Xunta plantexou unha alternativa inviable e o tema está paralizado desde entón”, remata a alcaldesa, que demanda unha renovación integral da estación e, mentres tanto, “os usuarios necesitan contar cuns servizos mínimos, como un lugar onde esperar en condicións e non agardar á intemperie, e tamén uns baños que poidan utilizar”.

0.19530177116394