Roupar acolle esta fin de semana un ciclo cultural e formativo sobre o entroido da zona

TerraChaXa
Organizado pola Asociación Roteiros da Carba e en colaboración coa Deputación de Lugo e outros organismos, inclúe rutas, obradoiros de artesanía, cociña e xornadas de difusión
ciclo-cultural-entroido-roupar
30 Out 2024

A Escola Habanera de Roupar, en Xermade, acollerá os próximos días 2 e 3 de novembro o ciclo cultural e formativo Unha Terra de Entroidos, unha serie de actividades dedicadas a divulgar o patrimonio cultural e ambiental vinculado ao Entroido tradicional da zona. Organizado pola Asociación Roteiros da Carba e en colaboración coa Deputación de Lugo e outros organismos, este evento inclúe rutas, obradoiros de artesanía, cociña e xornadas de difusión.

O programa comeza o sábado 2 de novembro ás 10:00 h cunha ruta cultural e medioambiental pola Serra da Carba titulada O Entroido e o seu Medio, seguido dun obradoiro de cociña centrado nos sabores tradicionais do Entroido no Restaurante Petróleo ás 14:30 h. O domingo 3 de novembro, ás 10:30 horas, haberá un curso de artesanía sobre elementos tradicionais do Entroido de Xermade, impartido pola artesá Pili Silva na Escola Habanera de Roupar.

As actividades concluirán o domingo pola tarde con varias xornadas divulgativas e formativas sobre o Entroido tradicional en Xermade, tamén na Escola Habanera de Roupar. A partir das 16:30 horas terá lugar a presentación do libro A Boreada das Máscaras a cargo de Antonio Riveira e do seu autor, Rafael Quintía, quen tamén ofrecerá unha conferencia sobre os entroidos tradicionais da zona. O evento finalizará cun taller de memoria interxeracional sobre o Entroido ás 18:00 horas.

Este ciclo é unha oportunidade única para descubrir e valorar as tradicións e costumes do Entroido de Xermade, fomentando a preservación deste patrimonio cultural galego.

0.20239114761353