Roupar acollerá o espectáculo 'Circanelo', unha mestura de teatro, danza e acrobacia
O vindeiro venres 3 de xaneiro ás 17:30 horas, a Escola Habaneira de Roupar (Xermade) será o escenario do espectáculo Circanelo, unha proposta escénica que combina teatro xestual, danza e acrobacia cun marcado ton clownesco.
Circanelo ofrece unha experiencia cargada de espontaneidade, sorpresa e diversión, mesturando emoción, xogo e improvisación para achegar a súa historia tanto a grandes coma a pequenos. O protagonista, un personaxe entrañable e entusiasta, guiará ao público a través dunha viaxe de conflitos e aprendizaxes, mostrando o lado máis humano e vulnerable dun clown.
Este espectáculo, apto para o público familiar, forma parte do Programa Dinamiz-ARTj, impulsado polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e a Fundación Ciudad de la Energía (Ciuden).