Roupar celebra esta fin de semana a Festa dos Callos e o II Festival Folk

A parroquia de Roupar, no concello de Xermade, acollerá esta fin de semana as Festas na honra a San Estevo 2025 cunha ampla programación gastronómica, musical e relixiosa.
O festexo comezará o venres 16 de maio ás 21:00 h coa tradicional Festa dos Callos, para a cal os tickets deberán mercarse previamente no Restaurante Ares ou mediante a directiva organizadora, cun prezo de 12 euros e dispoñibles ata o mércores 14 de maio.
A continuación celebrarase o II Festival Folk, no que participarán agrupacións de música e baile tradicional como Auxoxere (Roupar), No Combaro e Os Trevillas (As Pontes), Cantareiras Algueira da A Cea (Cabreiros) e Mestura de Nete (Nete), nunha noite chea de cultura e tradición.
O sábado 17 ás 14:00 h terá lugar unha sesión vermú amenizada polo dúo Boreal. Pola noite, a partir das 23:00 h, celebrarase a gran verbena, coa actuación de Tania Veiras e o seu grupo, xunto novamente co dúo Boreal.
O domingo 18 comezará cunha misa solemne e procesión ás 13:30 h, seguida ás 14:00 h dunha nova sesión vermú co dúo Boreal como protagonista musical.