Rozas acolle tres novos proxectos con participación de empresas como Boeing
O polo aeroespacial de Rozas, en Lugo, ten adxudicados tres novos proxectos que suporán un investimento de 14 millóns de euros e darán carga de traballo cualificado a 103 persoas. Estes tres novos proxectos súmanse aos seis xa adxudicados o pasado mes de outubro.
No tocante á primeira adxudicación, desenvolverase unha solución para regular o tráfico aéreo e xestionar escenarios singulares onde concorran aeronaves tripuladas e non tripuladas: un reto de futuro que é necesario responder para que a industria dos drons poida despregar todo o seu potencial.
Con este obxectivo, Galicia contará coa participación en Rozas dunha empresa de referencia internacional: BOEING, que se suma ás dúas que xa están desenvolvendo os seus proxectos alí (Indra e Babcock). Aos 6 millóns de euros da adxudicación é preciso engadir os preto de 4 que Boeing porá dos seus propios recursos e que inclúe, por exemplo, un simulador de probas e continxencias.
Só do proxecto de Boeing dependerán 58 postos de traballo de alta cualificación. Todo isto, coa finalidade de impulsar a participación da industria galega neste segmento tecnolóxico e atraer cara á Comunidade grandes actores da seguridade aérea.
En relación á segunda adxudicación, desenvolverase unha solución para reforzar a seguridade marítima da frota pesqueira galega e o seguimento e control da súa actividade mediante un sistema de monitorización continua.
Cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros, este proxecto será desenvolvido por un consorcio formado por tres empresas: UTE Imatia Innovación, S.L; Cartogalicia, S.L.; e Industria Ferri, S.A.
A terceira adxudicación desenvolverá unha solución que permitirá dotar aos organismos da Administración galega responsables do control das distintas masas de auga dun servizo mellorado de mostraxe e recollida de datos baseado nas novas tecnoloxías e no uso de vehículos autónomos aéreos e acuáticos.
Os obxectivos que se pretenden alcanzar mediante este proxecto serán: abaratar os custos actuais; mellorar a periodicidade na toma de mostras; e incrementar a posibilidade de realizar este tipo de actividades nas augas marítimas en condicións meteorolóxicas adversas. Esta iniciativa foi adxudicada por 2,45 millóns de euros a un consorcio formado por tres empresas: Adantia; Indra Sistemas e Sixtema.
A maiores de Boeing e dos dous consorcios formados por tres compañías cada un, a previsión é que se involucren tamén nestes proxectos catro centros de coñecemento galegos, oito empresas e dous organismos públicos.