Rozas acolle unha xornada monográfica do Polo Aeroespacial de Galicia
O Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei, acollerá un evento monográfico sobre o Polo Aeroespacial de Galicia coincidindo co V Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial (CIAG) do Consorcio Aeronáutico Galego.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, será o encargado de inaugurar a xornada do día 13 na que se presentarán os programas de I+D+i de Airbus, Babcock e Telespazio, da man das propias compañías e os seus consorcios.
Pola tarde, será o turno para a presentación das novas solucións mediante UAVs para os servizos públicos da Xunta, e como colofón a Business Factory Aero (BFAero), dará a coñecer os proxectos de Aguia, Beagle e Fuvex.
Pola súa parte, o día 14 de febreiro, no marco do V CIAG participarán os principais representantes da industria aeroespacial e aeronáutica, organizacións a nivel mundial e entidades gubernamentais. Tamén se presentarán os diferentes estudos realizados polo Observatorio da Industria Aeroespacial, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en colaboración co CAG.
A sesión desenvolverase no hangar do centro de investigación.