Rozas acollerá o máster en sistemas aéreos non tripulados

TerraChaXa
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu á presentación que a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela realizaron no aeródromo de Rozas sobre o novo Máster interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, que comezará no curso 2018-19.
180523rozas
23 Maio 2018

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu á presentación que a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela realizaron no aeródromo de Rozas sobre o novo Máster interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, que comezará no curso 2018-19. Este máster vén ampliar a oferta académica en Galicia de formación especializada nun sector en auxe a nivel mundial, como é o dos sistemas aéreos non tripulados ou drons, que na actualidade conta cun Grao en Enxeñaría Aeroespacial no Campus de Ourense da Universidade de Vigo e un Ciclo Superior de Mantemento Aeronáutico no CIPF As Mercedes de Lugo.

Patricia Argerey, felicitou ás dúas universidades pola posta en marcha deste Máster, que demostra que a universidade galega está aliñada coas necesidades sociais e sabe adaptarse ás oportunidades que ofrece a industria dos avións non tripulados, que está a despuntar en todo o mundo. De feito, en España vénse de aprobar un plan estratéxico que prevé un impacto económico de 1220 millóns de euros desta actividade en 2035 e pasar dos 4200 avións non tripulados a máis de 50000 en 2050. Pola súa banda, en Galicia, o sector dedicado á aviación non tripulada pasou, nos dous últimos anos, de contar con 14 operadores en 2015 a 185 empresas autorizadas pola AESA a comezos de 2018.

Argerey inscribiu esta iniciativa no ecosistema innovador que se está a consolidar arredor da creación do Polo tecnolóxico e industrial de vehículos non tripulados en Galicia, un polo que está mobilizando 150 millóns de euros de capital público-privado, que emprega xa a 200 persoas altamente cualificadas de xeito directo, a través do que se están a desenvolver 20 proxectos de I+D en colaboración cos socios tecnolóxicos Indra e Babcock e con 19 empresas e centros de coñecemento galegos (dos 30 que están previstos). Paralelamente, tamén se están resolvendo 10 licitacións para mellorar a prestación de determinados servizos públicos en ámbitos como a xestión eficiente do territorio, a seguridade da flota pesqueira, a explotación do sector agrícola e pesqueiro ou prever incendios forestais e vixiar os bens culturais. Argerey tamén recordou que se está traballando nunha nova licitación vencellada á asistencia urxente con desfibriladores a peregrinos en áreas remotas do Camiño de Santiago e a futura posta en marcha da nova aceleradora vinculada ao sector aeronáutico para promover o nacemento de startups.

0.20198893547058