Rozas acolleu o acto de licenciatura da quinta edición da Business Factory Aero

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a política industrial da Xunta situará a Galicia á vangarda de Europa no sector da seguridade e da defensa, un sector que, segundo dixo, é “xa unha prioridade estratéxica a nivel europeo”.
Lorenzana participou no acto de licenciamento da 5ª edición da Business Factory Aero (BFAero) en Rozas onde subliñou que o obxectivo do Goberno galego é dar continuidade a esta “política industrial avanzada que vai da man da empresa, da tecnoloxía e do talento que temos en Galicia”, apuntou.
Nesta liña lembrou que, precisamente o pasado mes de maio, a Xunta aprobou a Iniciativa Estratéxica de Aeroespazo, Seguridade e Defensa de Galicia -a primeira destas dimensións- para o período 2025-2030 que canalizará 183 millóns de euros de investimento público directo co obxectivo de mobilizar 900 millóns en Galicia en colaboración con outros axentes públicos e privados.
Na súa intervención, a conselleira tamén puxo en valor o papel da aceleradora BFAero, “unha aposta estratéxica” do Executivo autonómico polo sector aeronáutico e aerosespacial que xa representa en Galicia máis de 1.600 empregos directos, unha facturación de 132 millóns de euros e “cunhas posibilidades de crecemento inmensas”, dixo.
Así, segundo explicou, “desde o ano 2018 apoiamos 46 proxectos, contribuíndo á creación de 11 novas empresas tecnolóxicas, mobilizando máis de 7,5 millóns de euros en investimento, e facilitando que se desenvolveran 39 solucións innovadoras”, sinalou. “Pero o máis valioso é a creación de máis de 220 empregos cualificados en Galicia grazas á tracción de proxectos que combinan I+D, visión empresarial e compromiso co noso territorio”, apuntou.
De feito, a conselleira explicou que BFAero revalidou por segundo ano consecutivo o título de mellor aceleradora avanzada de España -segundo o ránking publicado por Funcas- o que “consolida a Galicia como un territorio referente na aceleración de proxectos tecnolóxicos de alto impacto”, dixo.
“E por iso seguimos apostando e hai apenas uns meses asinamos o convenio que garante a continuidade de BFAero ata 2027 cunha dotación de 7,5 millóns de euros máis para impulsar ata 123 novos proxectos”, subliñou.
Finalmente, María Jesús Lorenzana, destacou o papel do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas “que non é só un símbolo do que Galicia e a provincia de Lugo pode ofrecer, senón que é o epicentro dunha estratexia que xa atraeu proxectos grandes e tamén deu visibilidade a empresas galegas que puideron irse consolidando e medrando”, dixo.