Rozas únese a Airbus, Babcock e Telespazio, o que supón 300 millóns de euros máis para proxectos

TerraChaXa | LugoXa
O presidente da Xunta deu a benvida a Airbus, Babcock e Telespazio como socios estratéxicos e tecnolóxicos do Polo Aeroespacial.
rueda visita polo aeroespacial rozas1
12 Nov 2022

Rueda, que deu a benvida ás tres empresas, asegura que esta alianza permitirá situar a Galicia como centro de referencia no sector aeroespacial en España, así como desenvolver proxectos punteiros de I+D+i.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu onte a benvida a Airbus, Babcock e Telespazio como socios estratéxicos e tecnolóxicos do Polo Aeroespacial de Galicia para mobilizar case 300 millóns de euros en 40 proxectos que definirán o sector do futuro. O titular do Goberno galego, no acto de sinatura dos contratos coas tres compañías no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas asegurou que esta alianza permitirá situar á Comunidade como centro de referencia no sector aeroespacial, así como desenvolver proxectos punteiros de I+D+i.

Rueda recordou que desde o ano 2015 Galicia vén apostando polo sector aeroespacial ata situarse no centro da axenda dos vehículos aéreos non tripulados, e que o fixo demostrando que a colaboración público-privada “non só non tocou teito, senón que está conquistando o ceo”.

O Polo Aeroespacial de Galicia, para o que hai algo máis dun ano se aprobou o novo Plan Estratéxico, permitiu en cinco anos mobilizar xa 164 millóns de euros de investimento público-privada, atraer a compañías punteiras do sector, crear ou acelerar 24 novas empresas e abrir as portas á participación de 900 profesionais.

O Goberno galego -recordou Rueda- apostou polos vehículos aéreos non tripulados, “que xa non son ficción, senón unha presenza familiar no noso día a día”, e que a incorporación destes dispositivos para a mellora dos servizos públicos permitiu, entre outros adiantos, perseguir o furtivismo, loitar contra os incendios forestais, buscar persoas desaparecidas ou recuperar espazos naturais a través da cartografía.

O mandatario galego indicou que a entrada de Airbus, Babcock e Telespazio como socios estratéxicos e tecnolóxicos do Polo Aeroespacial de Galicia marca un novo punto de inflexión no obxectivo que persegue a Comunidade como centro de referencia no sector, xa que aumentará o investimento público-privado en case 300 millóns. Na iniciativa, ademais, traballarán máis de 400 persoas ata o ano 2026.

No caso de Babcock, a compañía reedita a colaboración que vén prestando co Polo desde os seus inicios hai sete anos, desta vez, a través dun investimento público-privado de 38 M€ e 132 empregos. Xunto con Telespazio, desenvolverá un programa innovador de observación e xestión da biodiversidade. O impulso desta firma, membro do grupo líder mundial en servizos aeroespaciais, comportará casi 18 M€, tamén público-privados e un centenar de empregos.

A entrada de Airbus, polo súa banda, significa a incorporación dun referente europeo da aeronáutica cunha inversión público-privada de máis de 240 millóns para a posta en marcha de 20 proxectos innovadores en sistemas de propulsión máis sustentables e plataformas multioperacións. Coa creación de 170 postos de traballo prevese a construción de novos hangares, un centro de voo e outro de excelencia en drons civís que está chamado a ser referente en España.

Apuntalar o sector a través dos Orzamentos

Alfonso Rueda subliñou que a aposta decidida da Xunta polo sector vaise ver plasmada nos Orzamentos 2023 coa reserva de 27 millóns de euros para reforzar o Polo Aeroespacial de Galicia co obxectivo de avanzar no 5G, na ciberseguridade e no impulso de novas empresas a través da Business Factory Aero.

O presidente da Xunta deixou claro que Galicia non quere desaproveitar a oportunidade que representan os fondos europeos para a posta en marcha de proxectos punteiros que definirán o futuro económico, empresarial e industrial da Comunidade coa intención de converterse en referente no eido das fibras téxtiles e na economía circular, no vehículo eléctrico e conectado, nas enerxías renovables -hidróxeno verde, metanol ou eólica mariña- ou na intelixencia artificial. E tamén no sector aeroespacial con alianzas como a selada hoxe. Por iso Alfonso Rueda apelou unha vez máis ao compromiso do Goberno de España para seguir atando cabos estratéxicos e conquistando un futuro “ao que aínda lle quedan horas de voo”.

rueda visita polo aeroespacial rozas2
rueda visita polo aeroespacial rozas3
0.10882997512817