Rozas volve ser o epicentro da aviación co XVI Criterium Aeronáutico desde o venres
Todo preparado para a décimo sexta edición do Criterium Aeronáutico, que terá lugar esta última fin de semana de setembro, do 27 ao 29, no Aeródromo de Rozas, coincidindo coa celebración da XXXVIII edición da Volta Aérea Galaico-Duriense.
A programación inclúe saltos en paracaídas, voos de introdución, exposición de medios aéreos e proxectos aeronáuticos do ciclo de Aeromecánica do CIFP As Mercedes, mostras de drons e de todo tipo de aeronaves ou exhibicións de pilotos profesionais, así como outras actividades.
Na súa intervención, Rivera Capón destacou que a institución provincial colabora con este evento cunha achega de 10.000 euros e recalcou que “somos a administración pública que destina unha maior contía económica, financiando preto do 50% desta cita”. O deputado salientou que “o Aeródromo de Rozas recibirá a numerosos deportistas, turistas e veciños e veciñas da provincia que poderán achegarse ao mundo aeronáutico a través de numerosas actividades”.
Pablo Rivera convidou a toda a veciñanza a “desfrutar dunha das citas máis relevantes deste sector, que situará a nosa provincia no epicentro do mundo aeronáutico”. Nesta liña o Deputado sinalou que “a celebración do Criterium Aeronáutico aquí en Lugo é un exemplo de como a nosa provincia aposta polo futuro, polas novas tecnoloxías e pola divulgación científica. Non é só un espectáculo para os amantes da aviación, senón que tamén é unha oportunidade única para que a xente de todas as idades, especialmente os máis novos, poidan achegarse a este mundo, descubrir novas vocacións e soñar con novos horizontes”.
“O Criterium non só dará a coñecer esta modalidade deportiva entre a veciñanza, senón que tamén é un evento que encaixa á perfección co modelo de turismo polo que apostamos na Deputación, un modelo de calidade, sostible, non masificado, de experiencias, que coida o patrimonio e deixa valor no territorio, en termos económicos e de emprego”, finalizou Pablo Rivera.
Arias felicitou ao novo presidente do Aeroclub de Lugo, Francisco Abelleira, polo seu recente nomeamento, e destacou a calidade deste evento, “consolidado ano tras ano ata considerarse un dos mellores do país na súa modalidade”. Prevese a asistencia de arredor de 150 aeronaves coas súas correspondentes tripulacións procedentes de toda España.