Rubén Arroxo traslada á Xunta a demanda veciñal de máis frecuencias de bus no Veral

LugoXa | TerraChaXa
A Tenencia de Alcaldía solicita reforzar a liña Friol–Lugo ao seu paso polo Veral e Santa María Alta para mellorar a conectividade
Rubén-Arroxo-Xunta-de-Goberno-local-de-Lugo
5 Feb 2026

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo remitiu á Dirección Xeral de Transporte Público as demandas da veciñanza do Veral relacionadas coa necesidade de mellorar o servizo de transporte colectivo.

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, comunicou formalmente á Xunta de Galicia a petición de incrementar as frecuencias da liña Friol–Lugo nas parroquias do Veral e Santa María Alta, unha conexión que forma parte da rede de transporte interurbano competencia do Goberno autonómico.

Segundo explicou, o obxectivo é avanzar nunha maior conectividade para as persoas que residen nestas zonas, tendo en conta que se trata dun núcleo que xa dispón de servizo interurbano e no que se están a rexistrar solicitudes veciñais para mellorar a oferta, especialmente de cara ao vindeiro redeseño das liñas.

Arroxo subliñou que Lugo continúa a dar pasos cara a unha mobilidade máis eficiente e a unha rede ampla de transporte público, polo que confía en que a Xunta teña en consideración as necesidades da poboación nas liñas da súa competencia.

A iniciativa foi trasladada tamén ao alcalde de Friol, co desexo de que se sume ao apoio dunha medida que, segundo indicou, resultaría beneficiosa para a cidadanía de ambos concellos.

⚙ Configurar cookies
0.075664043426514