Rueda e o PP realizan en Vilalba un acto en favor da igualdade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os populares da provincia reuníronse en Vilalba para falar de igualdade, nun acto no que cobrou protagonismo a nova secretaria xeral de Igualdade, a tamén vilalbesa Sandra Vázquez.
O presidente do PPdeG subliñou que “nos temas serios como a igualdade ou a loita contra a violencia machista, vale máis traballar moito e falar un pouco menos”, facendo referencia a aqueles que “cren que a igualdade consiste só un slogan ou en pasar das pancartas ás leis”.
“Podemos ir coa cabeza ben alta e sentirnos orgullosos dos pasos importantes que demos para avanzar na igualdade real e non imos aceptar leccións de quen votou a favor da Lei do só si é si, como o BNG, nin dos que tardaron máis de medio ano en reformala, como o PSOE”, engadiu Rueda.
Sobre as consecuencias desta norma, Rueda lamentou que “os que son tan veloces para algunhas cousas, perderon o tempo falando e non foron capaces de facer unha reforma que, se non chega a ser polo PP, permitiría que esta lei seguise producindo os seus nefastos efectos”.
Asegurou que “non hai ningunha medida efectiva a prol da igualdade no Goberno de Sánchez”, afeándolle que empregase as políticas de igualdade como unha moeda de cambio: “En canto tivo que mercadear para seguir no poder, as políticas de igualdade pasaron de ser algo fundamental en mans da Vicepresidencia do Goberno a quedar en mans dunha ministra da que só vai quedar mal recordo”.
Recordou nesta mesma liña que coa chegada do PP ao Goberno galego en 2009 “houbo que subir todos os recursos orzamentarios destinados a Igualdade porque eran moitos menos dos necesarios”, reprochando ao bipartito PSOE-BNG que “gastase tanto en tantas cousas innecesarias e, para a igualdade, moita propaganda e poucos recursos”.
Alfonso Rueda apelou á necesidade de “traballar en serio pola igualdade facendo reformas e tomando medidas que beneficien ás mulleres e á sociedade no seu conxunto”, remarcando que Galicia é unha comunidade pioneira con medidas “fundamentais” nesta materia.
Puxo como exemplo a colaboración da Xunta cos concellos a través dos Centros de Información á Muller (CIM), así como as axudas ás vítimas de violencia de xénero “para que non teñan que aguantar nin un minuto máis co seu maltratador”.
“Cando unha muller quere rachar con esta situación intolerable, necesita que se lle oriente, que se lle ampare e que se lle comprenda. Iso é o que estamos facendo e as mulleres que sofren a violencia machista sábeno”, explicou.
O líder dos populares galegos mostrouse así mesmo orgulloso do Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades, dotado de case mil millóns de euros “reais e orzamentados”, e do Plan Emega, que supón “un primeiro empurrón ás mulleres emprendedoras que soamente necesitan unha mostra de confianza para poder empezar”.
“Ninguén que milite no PP ten ningunha dúbida do rexeitamento á violencia machista e da necesidade de seguir avanzando na igualdade que, aínda que se deron pasos moi importantes, está lonxe de ser real”, concluíu.
O presidente do PPdeG foi o encargado de concluír este acto no que se celebrou unha mesa redonda moderada pola secretaria xeral de Igualdade e presidenta do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, e na que interviñeron a número 2 ao Congreso pola Coruña, Marta González, a número 3 ao Congreso por Lugo, Cristina Abades, e a avogada Rebeca Domínguez.
Entre os asistentes estaban tamén a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, os cabezas de lista pola provincia de Lugo ao Congreso e o Senado, Francisco Conde e José Manuel Barreiro.