Rueda e Tomé acordan impulsar infraestruturas, servizos sociais, emerxencias e turismo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Os presidentes da Xunta e da Deputación tiveron un achegamento de posturas nunha reunión
reunion-de-rueda-y-tome2
A xuntanza dos dous políticos
17 Jul 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, con quen acordou impulsar a colaboración entre ámbalas dúas administracións en materia de infraestruturas, servizos sociais, emerxencias e turismo.

Así o explicou nunha rolda de prensa tras a reunión, que cualificou de “construtiva e operativa, na que avanzamos en moitos asuntos”. Con esta xuntanza, remata a rolda de contactos que o titular do Executivo galego comezou o mes pasado co obxectivo de sentar a falar co presidente da Fegamp, cos das catro deputacións e cos alcaldes das grandes cidades cos que non se tiña reunido: Lugo e Vigo.

Un dos principais temas que se abordaron no encontro foron as conexións e infraestruturas da provincia. Rueda convidou ao presidente da Deputación a facer unha fronte común para pedir unhas mellores conexións para Lugo. Do mesmo modo, tamén convidou a colaboración do presidente para acometer os compromisos en materia de estradas na provincia, co impulso á Autovía da Mariña (A-74), a Ourense-Ponferrada (A-76) e a autovía Lugo-Ourense (A-56).

Ademais, o titular do Executivo galego comprometeuse a crear un grupo de traballo para estudar a petición da Deputación para que a Xunta asuma a titularidade dalgunhas estradas provinciais, así como para avaliar a transferencia de estradas autonómicas á institución provincial. Co obxectivo de “constituílo de maneira inmediata para que os técnicos analicen as posibles estradas que nos poidamos intercambiar mutuamente. Coa condición de que cando se faga ese traspaso, a estrada ten que estar en perfectas condicións”, subliñou.

Tamén avanzou que no primeiro trimestre do próximo ano se licitarán as obras para restituír definitivamente a estrada LU-651, no punto que quedou colapsada polo derrube da explotación mineira da Campa. Ademais, reafirmou o compromiso da Xunta respecto á execución Ronda Leste de Lugo, cun investimento de 20 millóns de euros, e recordou a “necesidade de que exista un consenso”: “É o que lle trasladei á alcaldesa, que temos que lograr o máximo consenso respecto ao mellor trazado”, aclarou Rueda.

Axuda no fogar

Outro dos bloques que centrou o encontro foi a axuda no fogar. O presidente da Xunta manifestou que é consciente de que “é un servizo cada vez máis demandado, máis necesario, cun alto custo para todas as administracións”, e que a Xunta vai responder a esa necesidade: "Hai un par de anos aumentamos un 24% a nosa achega, e nesta lexislatura adquirín o compromiso de volver facer un aumento, e imos facelo”, declarou.

Ao mesmo tempo, o presidente salientou a necesidade de que o Goberno central a cumpra a Lei de Dependencia, segundo a cal as comunidades teñen que contribuír co 50 % do financiamento da dependencia, e o Goberno central o outro 50 %. “Agora mesmo non estamos así: nós achegamos o 64 %”, precisou Rueda, que pediu ao presidente da Deputación que traslade ao Goberno central a necesidade de que se cumpra a lei: “Se imos atrás nos anos nos que se incumpriu esa obriga, temos unha débeda histórica 2500 millóns de euros. Eu xa non pido que se devolva esa débeda. Pido que a partir de agora se poña o contador a cero e se cumpra a lei”, afirmou o presidente.

Emerxencias e turismo

Os dous representantes institucionais tamén avanzaron colaboracións noutras materias, como as emerxencias ou o turismo. En materia de emerxencias, o titular do Executivo galego destacou “a magnífica colaboración que hai, que paréceme modélica”, e salientou que a Xunta seguirá cooperando para “chegar a sitios onde, se non, non habería servizos”, a pesar de non ser unha competencia autonómica.

En materia de turismo, invitou á Deputación de Lugo, igual que fixo coa de Ourense, a participar no financiamento dun proxecto de mobilidade sostible na Ribeira Sacra, que suporía que a Xunta achegaría 3 millóns de euros e ámbalas dúas deputacións provinciais achegarían 1 millón de euros cada unha para impulsar esta iniciativa. Un plan que para Rueda é “importante, e máis nestes momentos que contribúa á sustentabilidade da Ribeira Sacra en plena candidatura, que vai ben encamiñada, de ser Patrimonio Mundial”, remarcou.

AS PROPOSTAS DE TOMÉ

“É a primeira vez en cinco anos que levo de Presidente que me reúno co Presidente da Xunta. Son encontros que serven para falar, propoñer os diferentes puntos de vista e buscar solucións. Agardo que estas reunións continúen, eu mesmo convidei a Alfonso Rueda a continuar con estas reunións de traballo no Pazo de San Marcos. Ao remate do encontro o Presidente da Deputación entregoulle a Alfonso Rueda como agasallo institucional un exemplar do libro Proxectos para o Hospital de Isabel II, o Instituto de 2ª Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo.

Estradas

O mandatario provincial e o titular da Xunta acordaron crear grupos de traballo para abordar a transferencia de infraestruturas viarias entre administracións, tendo en conta que a Deputación de Lugo é a que administración provincial que máis quilómetros ten, máis de 4.200km. En relación á Ronda Leste, Tomé propúxolle a Rueda que a Xunta declare este proxecto como unha obra de interese supramunicipal, ademais de poñer sobre a mesa un trazado alternativo que non afecte ás masas arbóreas nin ao leito e contorna do río Rato, conectándose directamente coa N-VI no entorno da gasolineira do Miño.

En canto á estrada do Courel, a LU-651, Tomé Roca urxiulle a Rueda o arranxo integral da vía e que se axilice a reparación do treito que se derrubou. O titular da Xunta comprometeuse a licitar este ano esas obras de reparación do treito que se derrubara e darlle continuidade ás obras para “que os cidadáns desta zona da Montaña teñan unha mellor comunicación da que teñen, así que estaremos vixiantes para que se cumpra coa palabra dada”.

Pola súa banda, pediulle a reactivación da VAC Costa Norte, dándolle prioridade á variante de Viveiro “para sacar esa cantidade de tráfico que hoxe atravesa a diario por esta cidade”. Tomé comprometeuse, así mesmo, pedirlle ao Goberno do Estado axilizar a autovía A-74.

Tamén en materia de infraestruturas, o Presidente demandou que se desdobre a autovía Nadela-Monforte pola súa importancia social. “Rueda amosoume o seu compromiso de traballar nese sentido, dando debido cumprimento ao acordo unánime do Parlamento de Galicia, coa intención de facer chegar esta autovía ata Monforte, algo que resultaría moi beneficioso para a zona sur da provincia”.

Sanidade e SAF

Tomé Roca trasladoulle, así mesmo, a súa preocupación polo estado da sanidade pública na provincia de Lugo, con especial fincapé na atención primaria, “onde o 80% dos concellos ten carencias de persoal”, esixíndolle unha estratexia que solucione estes problemas para achegar os servizos sanitarios á poboación.

En relación ao Servizo de Axuda no Fogar, o Presidente da Deputación e o da Xunta coincidiron en que os concellos están asumindo forte cargas orzamentarias para este servizo, e que é “un servizo cada vez máis demandado, cun alto custe”. Rueda adquiriu o compromiso de facer un aumento na parte que asume a Xunta de Galicia, facendo cumprimento da Lei de Dependencia, pedindo tamén que o Goberno do Estado cumpra coa súa parte proporcional.

A maiores, Tomé Roca trasladoulle a relevancia social que está tendo a Rede de Centros de Atención a Maiores que a Deputación ten en marcha na provincia, con 9 en funcionamento e 9 en proxecto ou construción, e pediulle a implicación da Xunta de Galicia ao ser quen ten as competencias en materia se servizos sociais.

Campus Terra

O Presidente da Deputación abordou un tema que para a institución provincial “é moi relevante, como é o do Campus Terra”. “Propúxenlle modificar o decreto do ano 2011 que limita o número mínimo de alumnos por estudos, un feito que non responde ás necesidades da provincia de Lugo. Hai que ter en conta que os estudos técnicos de Lugo son eminentemente prácticos, polo que é normal que haxa menos alumnado que noutras ensinanzas máis teóricas. Rueda comprometeuse a estudar co Conselleiro de Educación esta cuestión, igual que no caso de producirse agrupamentos de titulacións se faga en torno ao Campus de Lugo”.

Plan Industrial e Porto Seco

Boa recepción tamén recibiu a proposta do Presidente da Deputación de que a Xunta de Galicia desenvolva un Plan Industrial para Galicia. “Necesitamos iniciativas empresariais no territorio para evitar que a poboación marche, sobre todo no interior de Galicia. Nós apostamos pola creación de nodos comarcais nas cabeceiras de comarca. Temos que xerar valor engadido grazas á transformación das materias primarias, posto que a provincia de Lugo é líder nacional na produción de leite, carne e madeira, e punteiros tamén na pesca”.

Pola súa banda, Tomé Roca reclamoulle o peirao de carga e o acceso á N-120 ao Porto Seco. “Hai un tramo feito desa conexión, queda outro tramo de aproximadamente dun quilómetro, e isto leva anos paralizado”, apuntou. Rueda trasladoulle a súa vontade de analizar a situación para desbloquear esta importante infraestrutura.

Ambos mandatarios quedaron tamén en analizar o financiamento do Consorcio Provincial de Bombeiros da Provincia de Lugo para que se faga dun xeito semellante á proporción que ten o de Ourense.

Canon da Auga

Entre os asuntos que se debateron no encontro de hoxe, Tomé Roca pediu un acordo entre a Xunta e a Fegamp para a distribución do canon da auga. “Que reverta, como mínimo nun 50” dos fondos nos concellos en proporción ao recadado, que terán que ir destinados a cubrir as necesidades de saneamento e abastecemento. Que cunha parte do 50 % restante vaia destinada a sufragar os gastos de xestión do propio organismo e que se estableza un fondo de solidariedade de entre para os concellos que non contan coa capacidade orzamentaria suficiente para tal fin”..


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14605593681335