Rueda firma en Guitiriz con Enagás o Pacto pola Enerxía

TerraChaXa
O presidente da Xunta participou na sinatura do Pacto pola Enerxía entre o Goberno galego e Enagás en Guitiriz
PACTO POLA ENERXIA GUITIRIZ RUEDA
4 Abr 2023

Destaca a importancia do hidroduto que Enagás construirá entre Guitiriz e Zamora e que será unha infraestrutura enerxética vital para conectar a comunidade coa Península e con Europa.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou esta mañá o compromiso de Galicia para ser un territorio protagonista na produción e subministración de enerxía ao resto do mundo.

Así o afirmou logo da sinatura en Guitiriz co conselleiro delegado de Enagás, Arturo Gonzalo, do denominado Pacto pola Enerxía. Este acordo compromete á operadora —líder en España na xestión e operación de infraestruturas de transporte de gas— a actuar como promotor do hidroduto entre Guitiriz e Zamora e a asegurar así a conexión enerxética da comunidade coa Península e Europa.

A empresa asume como obxectivo obter o recoñecemento deste nodo como Proxecto de Interese Común (PCI) para a Unión Europea e poder poñelo así en operación no 2030. Segundo explicou o presidente, trátase dun “paso máis” nun proceso de transición enerxética “que xa está en marcha e ao que Galicia aspira a estar na cabeceira”.

Neste sentido, Rueda destacou que a comunidade reúne “todas as condicións para incorporarse a unha enerxía do futuro que xa é tamén do presente” e que non pode perder “unhas oportunidades que outros van aproveitar se as deixamos pasar”. O titular do Executivo aproveitou o acto para agradecer “a firmeza do compromiso” da empresa con Galicia, que asume uns proxectos en cuxo éxito “tamén son eles os primeiros interesados”.

A sinatura do protocolo supón a incorporación de Enagás como empresa tractora na Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, o que permitirá ao sector dispoñer do seu coñecemento e experiencia, soporte técnico e accións de promocións. A Alianza xa conta con dez compañías e outros dez clústeres e asociacións que representan a máis de 700 entidades.

O titular da Xunta cualificou o Pacto pola Enerxía como un paso máis que se suma ao proxecto a curto, medio e longo prazo que xa ten en marcha a comunidade. Neste sentido, destacou o potencial de Galicia para liderar a transición enerxética polas súas características xeográficas, a dispoñibilidade de recursos hídricos, eólicos e o seu amplo ecosistema de innovación e investigación.   

A receita industrial de Galicia, segundo o presidente, pasa por “combinar respecto medioambiental, planificación económica e enerxética”. “Quen estea traballando xa para prepararse para os retos do futuro terá moitas máis vantaxes, e iso é o que estamos facendo hoxe”, concluíu.

PACTO POLA ENERXIA GUITIRIZ RUEDA2
PACTO POLA ENERXIA GUITIRIZ RUEDA3
0.18907809257507