Rueda simboliza en Entrepinares o impulso á industrialización do sector lácteo
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, garantiu hoxe o apoio do Goberno galego na industrialización do sector lácteo da comunidade co obxecto de acadar o 75 % do leite transformado en Galicia para o ano 2025.
“É un obxectivo ambicioso, pero realista xa que progresamos moito nos últimos anos”, argumentou en referencia á que Galicia xa industrializa arredor do 63 % do seu leite, á vez que se ten convertido na comunidade que produce o 42 % do leite de vaca de España. Rueda fixo estas valoracións na queixería do Grupo Entrepinares, cuxas instalacións en Vilalba (Lugo) visitou hoxe, acompañado do conselleiro de Medio Rural en funcións, José González.
Precisamente, o mandatario galego en funcións gabou a implicación con Galicia de industrias lácteas como a de este grupo e amosou “toda a disposición” do Goberno galego en seguir apoiando con medidas iniciativas deste tipo que xeran riqueza e emprego local.
Galicia potente, tamén no rural
En concreto, a Xunta destina 30 millóns en axudas ao sector para á transformación e á comercialización de produtos agrarios. E nesta mesma liña de pulo ao sector, Rueda apuntou o apoio do Goberno galego aos plans de crecemento destas industrias. Así, puxo como exemplo concreto a declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria do proxecto de ampliación en Vilalba da queixería Entrepinares que xa está en marcha cun investimento de 19 millóns de euros.
Segundo indicou, esta ampliación permitirá atender “a demanda crecente que está a rexistrar” e suporá a creación duns 40 empregos directos, que se suman aos preto de 300 que o grupo xa ten en Galicia.
O presidente en funcións incidiu no compromiso do Goberno galego en seguir ofrecendo “facilidades” ao sector e á industria láctea e tamén á actividade agrogandeira co obxecto de contribuír a “construír e consolidar” unha “Galicia potente, tamén no rural”. “Este e o camiño que hai que seguir e no que comprometo todo o apoio da Xunta”, concluíu.