Ruta: Vilalba, Camiño Norte a Santiago
Vilalba forma parte do Camiño de Santiago, máis concretamente do Camiño do Norte. Polo seu termo municipal atravesan dúas etapas, a primeira entre Abadín e a propia capitalidade, e a segunda, a que vai ata Baamonde. Percorrela permitirá ao camiñante desfrutar de varias xoias patrimoniais.
O Camiño do Norte permite chegar a terras vilalbesas desde Abadín, iniciando o percorrido á saída da localidade collendo unha pista a man dereita que vai en suave descenso.
Durante toda a etapa camíñase contemplando terras de cultivo e pastos con gando alternados con paisaxes de vexetación autóctona, predominando as formacións arbóreas de carballos e bidueiros.
A ruta entra en Vilalba pola parroquia de Corbelle. Á altura de Martiñán, crúzase a N-634 para dirixirse cara á Pontevella de Martiñán, que permite cruzar á outra beira do río Batán. Esta ponte data do século XVII, ten tres arcos desiguais e a súa calzada é o elemento diferenciador deste recurso arquitectónico, limitado por un muro de pedra de granito como laxas encaixadas na plataforma da ponte, o que a converte nunha obra única, difícil de atopar noutros lugares de Galicia.
A seguinte parada é a parroquia de Goiriz, onde atoparemos xusto antes de cruzar a N-634, a Capela de Fátima, a man esquerda. Trátase dunha peza do século XVI e, fronte a ela, sitúase un antigo cruceiro.
Xunto á estrada, sitúase a igrexa parroquial, templo levantado no século XVI e reformado con posterioridade. Antigamente, utilizouse como refuxio dos infractores da xustiza, que non podían ser detidos polas autoridades no seu interior, a pesar de que despois fosen obxecto de xuízo e prisión. Aos seus pés sitúase o seu particular cemiterio neogótico, construído polos canteiros da veciña parroquia vilalbesa de Román.
Despois, xusto no desvío que leva ao polígono industrial de Vilalba, sitúase o albergue de peregrinos do Xacobeo, onde finaliza a primeira etapa.
A segunda etapa do Camiño comeza na propia vila. Atravesa o casco antigo pola rúa Porta da Cima, nome que fai alusión a unha das entradas da antiga muralla que rodeaba o centro da vila. Esta rúa recibe ao peregrino con fragmentos de textos e poemas de autores chairegos e conduce directamente á praza de Santa María, na que se empraza a igrexa parroquial. Nas súas inmediacións, sitúase tamén a Torre dos Andrade, un dos símbolos máis representativos do municipio. A torre actual é do século XV e, na actualidade, alberga o Parador de Turismo. A uns cen metros da torre, no edificio da Casa da Cultura, atoparemos a oficina municipal de turismo.
De seguido, cóllese a rúa Sol na que se poden apreciar os restos da antiga muralla que rodeaba a vila. Logo, iremos saíndo do núcleo urbano e chegaremos a Ponte dos Pasos, que cruza o río Magdalena. Máis adiante, cruzarase o río Trimaz en Ponte Rodríguez e seguiremos camiñando ata chegar á parroquia de Alba. Neste punto, cruzaremos a N-634 para visitar outro lugar de gran interese: a igrexa parroquial, reformada no século XVIII e o seu peculiar cemiterio neogótico.
O percorrido xacobeo avanza ata a parroquia de Insua cruzando o río Labrada pola Ponte de Saa. Pouco despois este tramo do Camiño despídese de terras vilalbesas para entrar na parroquia guitiricense de Pígara e avanzar ata Baamonde, onde se sitúa o fin da xornada no albergue de peregrinos.