'Saborea As Pontes 2025' pecha cun récord histórico de máis de 18.000 tapas servidas e Trastoy 3 impónse nas tres categorías

TerraChaXa
O certame gastronómico xera un impacto económico de máis de 81.000 euros e consolídase como unha das citas máis destacadas da comarca
AS PONTES gañadores tapas
4 Nov 2025

A edición 2025 do concurso de tapas 'Saborea As Pontes', organizado polo Concello das Pontes coa colaboración de Cohempo, rematou con éxito absoluto, batendo récords de participación e consolidándose como unha referencia gastronómica na comarca do Eume.

Segundo os datos achegados polos trece establecementos participantes, servíronse 18.178 tapas, que a un prezo de 2,50 euros xeraron 45.445 euros. A esta cifra engádense 36.356 euros en consumicións asociadas, o que supón un impacto económico global de 81.801 euros, superando o rexistro de 81.085,50 euros do ano 2024.

A concelleira de Promoción Económica, Elena López, destacou o papel clave do sector hostaleiro na dinamización económica local, subliñando que 'eventos como este fomentan o consumo, crean actividade e fortalecen a imaxe gastronómica das Pontes, atraendo visitantes de toda a comarca'. Engadiu tamén que 'a evolución de Saborea As Pontes é un reflexo do talento, da creatividade e do compromiso da nosa hostalaría, que ano tras ano ofrece propostas innovadoras e de gran calidad'.

Nesta edición, o establecemento Trastoy 3 foi o gran triunfador, acadando o primeiro posto nas tres categorías principais do concurso. Logrou o premio á Mellor Tapa Pontesa 2025, con 22,75 puntos, empatado con DelaPiccola, e seguido por A Taberna de Pancho, con 17,5 puntos. Ademais, Trastoy 3 foi o vencedor da Tapa máis valorada polo público, con 394 votos das 1.372 papeletas recontadas, e tamén se impuxo no Premio APP, con 1.514 votos, superando a DelaPiccola (1.371) e A Taberna de Pancho (1.324).

O premio principal do concurso, dotado con 600 euros, recaeu en Tamara Paz Sanmartín, mentres que os galardóns de 200 euros foron para Luis E. Betancourt, Raquel Pena Couceiro, David Fernández Penabad, Hilda Barro Seco, Inés Pérez Díaz e Margarita Moledo Castro. Estes recoñecementos foron sorteados entre as persoas que completaron e entregaron as tarxetas de participación do certame.

A concelleira Elena López agradeceu o esforzo dos establecementos participantes e a colaboración do público, salientando que 'Saborea As Pontes é un exemplo de cooperación entre administración e sector privado que xera resultados positivos para toda a comunidade, impulsando a economía local e ofrecendo experiencias gastronómicas de primeiro nivel'.

⚙ Configurar cookies
0.081784009933472