Saborea As Pontes fixo entrega dos seus premios
O Concello das Pontes fixo entrega dos premios da décimo terceira edición do concurso de tapas Saborea As Pontes, celebrada entre o 2 e o 12 de novembro e na que participaron 15 establecementos hostaleiros da vila.
Elena López, responsable do departamento de Promoción Económica, durante o acto de entrega dos premios do concurso gastronómico destacou a alta participación da veciñanza nesta proposta “a través da que buscamos dinamizar e impulsar un sector de gran importancia na economía da vila ao tempo que se ofrece a posibilidade de coñecer o bo facer do sector hostaleiro e de probar creacións culinarias nas que cobran protagonismo os produtos do sector primario pontés, de alto valor engadido”
O Bar El Jardín obtivo o galardón a Mellor tapa pontesa valorada polo público así como co título de Mellor tapa pontesa, elixida por un xurado profesional, integrado por Adrián Miguel García Rodríguez, Rubén Vázquez Pesado e Antonio Díaz Calvo, coa súa tapa De toda a vida.
Durante o acto de entrega de premios, no que estivo presente unha numerosa representación do sector hostaleiro local e da veciñanza, tamén se fixo entrega de nove premios, de 200 euros cada un, entre todas as persoas que cubriron os boletos do concurso de tapas.
Elena López, tras dar a noraboa aos premiados, amosou a satisfacción do goberno local polos resultados acadados e agradeceu a Cohempo así como a todos os hostaleiros e hostaleiras participantes o seu traballo e profesionalidade, “facendo que Saborea As Pontes supere todas as expectativas, tanto na calidade das tapas como de participación. É un orgullo contar cun sector de profesionais, que ano tras ano, nos amosan o mellor de si mesmos facendo que Saborea As Pontes sexa xa un referente no ámbito dos concursos culinarios”
A concelleira tamén quixo dar as grazas á veciñanza e persoas visitantes polo seu apoio ao sector hostaleiro local, saíndo ás rúas, probando as tapas e contribuíndo á dinamización dun sector esencial na economía da vila, xerador de centos de postos de traballo. Un sector conformado por grandes profesionais, que cada día, nos agasallan co seu bo facer e co seu compromiso co futuro do noso pobo”.