Saborea As Pontes repartiu unhas 29.000 tapas
A ultima edición de Saborea As Pontes, na que participaron 29 establecementos hostaleiros serviu un total de 28.957 tapas durante os oito días nos que se celebrou este certame, unha cifra similar á acadada durante a edición anterior e na que foron 10 os días nos que a veciñanza e visitantes puideron probar os petiscos elaborados polos hostaleiros locais.
Esta cifra fíxoa publica a concelleira de Turismo, Hostalería, Comercio e Consumo, Elena López, durante o acto de entrega dos premios do concurso gastronómico, no que o bar Trastoy III obtivo, por terceiro ano consecutivo, o galardón á “ Mellor tapa pontesa valorada polo público” con 206 votos. A súa tapa, “O Valerón do acordeón” alzouse tamén co título de “ Mellor tapa pontesa, elixida polo xurado profesional, formado polo chef Antonio Díaz e dos colaboradores da súa confianza.
Durante o acto de entrega de premios, no que estivo presente unha numerosa representación dos hostaleiros locais e da veciñanza, a edil, tras dar pos parabéns aos premiados, salientou que:“ un ano máis, Saborea As Pontes foi un gran éxito, feito que queda reflectido en todas as cifras do concurso, con un local que ofreceu 2.500 petiscos, a cifra máis alta desde a posta en marcha deste certame, e 1.234 papeletas depositadas.”
Elena López amosou a satisfacción do goberno local polos resultados acadados e agradeceu a todos os hostaleiros o seu traballo e profesionalidade, facendo que Saborea As Pontes supere todas as expectativas, tanto na calidade das tapas como de participación. “É un orgullo contar cun sector de profesionais, que ano tras ano, nos amosan o mellor de si mesmos facendo que Saborea As Pontes sexa un referente no ámbito dos concurso culinarios” subliñou a edil.
A concelleira tamén quixo dar as grazas á veciñanza e visitantes polo seu apoio ao sector hostaleiro, saíndo ás rúas, probando as tapas e contribuíndo á dinamización dun sector esencial na economía da vila, xerador de centos de postos de traballo que cada ano nos agasallan co seu bo facer e co seu compromiso co futuro do noso pobo”.