Sacan a licitación a construción do novo parque acuático na Magdalena

TerraChaXa
O Concello de Vilalba sacará a licitación a próxima semana as obras de construción do novo parque acuático da Madalena con 3 piscinas.
proxecto parque acuatico madalena vilalba
5 Mar 2022

O Concello de Vilalba sacará a licitación a próxima semana as obras de construción do novo parque acuático da Madalena, que servirá para impulsar e ampliar as posibilidades de ocio desta zona fluvial.

O proxecto contempla 3 piscinas, un edificio de servizos semisoterrado na ladeira, e varias zonas para descansar e tomar o sol, así como unha rampla que servirá para conectar entre si a zona fluvial coa das piscinas.

O orzamento dos traballos superará os 850.000 euros. “Coas actuacións previstas mellorase apreciablemente a integración paisaxística das instalacións actuais; sobre todo pola eliminación da actual torre dos tobogáns, de bastante altura, e co emprego de cubertas vexetais para as novas edificacións previstas”, recolle o informe ambiental favorable sobre o proxecto da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta.

“Considérase que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade”, engade o texto.

Coa creación do parque acuático na Madalena, veciñanza e visitantes poderán gozar desta nova oferta recreativa que ten como obxectivo darlle unha nova vida á contorna do río. “Está pensado para dar resposta ás necesidades e gustos de todas as xeracións, permitindo, non só que haxa opcións de lecer para todas as idades, senón que pola súa disposición se permita que as nais e pais poidan manter un control visual dende calquera punto dos seus fillos e fillas mentres se atopan no recinto, aumentando a seguridade dos máis pequenos”, asegura Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas.

Pola súa parte, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, agradece “o apoio que nos brinda a Deputación de Lugo co obxectivo de mellorar este espazo natural que é a Área Recreativa da Madalena, e ofrecer ás familias e a toda a veciñanza que se queira achegar unhas instalacións en boas condicións, adaptadas ao entorno e pensadas para o desfrute”.

CARACTERÍSTICAS

Contará con tres piscinas: unha infantil de 0,45 metros de profundidade, unha de natación para uso deportivo de 1,55 metros de profundidade máxima e outra recreativa cunha profundidade de 1,20 metros. No caso do vaso infantil, complementarase con surtidores de auga que potencien e estimulen os xogos nesa área.

Tamén contará cun edificio de servizos que estará semisoterrado nunha ladeira de tal xeito que a súa presenza non obstaculice as vistas ao río nin sexa obxecto disonante no enclave natural. Nesta infraestrutura integraranse os cambiadores, os aseos, a sala de socorrismo, un almacén e unha zona para recepción. Haberá tres zonas para tomar o sol, situadas a carón das piscinas.

A intención é que a transición dende a contorna da praia fluvial ao espazo propio das instalacións recreativas se conciba como un lugar único, integradas ambas zonas nunha soa. O proxecto tamén inclúe a construción dunha rampla que comunique a cota superior da plataforma coa da praza onde se dispoñen os servizos propios da praia.

Pola súa banda, na zona sur, a parte arborada servirá como límite natural e como espazo de descanso de pavimento vexetal con zonas de sol e sombra, complementando os espazos de solarium que se prevén xunto ás piscinas.

0.19122982025146