Sae a concurso a xestión da cafetería municipal en Begonte

O Concello de Begonte vén de abrir o prazo para presentar ofertas para a xestión da cafetería situada en Vilar de Cente, ao carón do Centro de Saúde da localidade. O establecemento atópase completamente equipado e preparado para iniciar a súa actividade, e o contrato terá unha duración dun ano, prorrogable anualmente ata un máximo de catro anos.
Toda a información relacionada coa licitación, incluíndo os pregos de cláusulas administrativas e a documentación complementaria, está dispoñible na plataforma de contratos de Galicia (www.contratosdegalicia.gal), podendo tamén consultarse nas oficinas municipais en horario de 9:00 a 14:30 horas, de luns a venres.
As persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas nun prazo de quince días naturais contados a partir do día seguinte á publicación do anuncio no perfil de contratante da plataforma de contratos de Galicia. As proposicións poderán entregarse no Rexistro Xeral do Concello de Begonte, enviarse por correo postal ou a través dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común.
No caso de presentarse por correo postal, deberá xustificarse a data de envío na oficina de correos e comunicarse ao Concello a remisión da oferta mediante un correo electrónico ao enderezo info@concellodebegonte.es o mesmo día do envío, garantindo así o correcto seguimento do procedemento de licitación.