Sae a concurso o proxecto para cubrir a pista de pádel de Gontán
A Secretaría Xeral para o deporte, deu o visto bo ao proxecto de execución da cuberta da pista de pádel de Gontán, situada nesta área recreativa. Tras este proceso, o Concello vén de sacar a concurso o contrato para a execución desta obra.
O proxecto de execución ten un orzamento de 74.742 euros. Para iso recibirá unha axuda partida do capítulo destinado a xogos infantís e zonas deportivas da Xunta de Galicia de 50.000 euros. A actuación pretendida suporá a reforma da pista de padel municipal, mellorando a dotación deste espazo mediante a execución dunha cuberta mediante estrutura metálica de perfiles laminados, independente e rematada en cor azul.
Sobre a estrutura de cuberta disporase de cubrición mediante chapa sándwich de 30 mm de espesor a dúas augas con pendente do 10%. Terminado en cor branco roto. Como peches laterais disporase de faldóns de tela microperforada desde a cuberta ata o peche perimetral existente na actualidade.
A cor da tela microperforada será tamén de cor branco roto para cumprir as indicacións da resolución da Consellería de Cultura e Turismo.
A pista de pádel leva feita dende o mes de febreiro de 2017 para a que o Goberno local destinou unha partida de 31.700 euros, na súa maior parte con fondos subvencionados pola Xunta de Galicia. Dita pista está dotada de sistema de iluminación, pavimentación e cerramento lateral, contando así mesmo con peches perimetrais realizados con translúcidos suxeitados mediante unha estrutura metálica.
O prazo de execución é de dous meses.