Sae a exposición pública o proxecto de mellora da estrada de Friol a Begonte
Este ano sairá a licitación a primeira fase da mellora da estrada entre Friol, Palas de Rei e Begonte, cun investimento de 2,8 millóns de euros, unha obra moi demandada polos representantes dos concellos que percorre esta vía.
O Diario Oficial de Galicia recolleu o inicio da información pública do proxecto de mellora do primeiro treito, que vai dende Friol a Castrelo, en Palas de Rei, sumando 9 km. Con este trámite se dá comezo ao proceso expropiatorio de máis de 200 parcelas para o arranxo da vía.
As persoas interesadas en facer achegas a este trazado poden trasladar as súas observacións ata o 3 de abril. Unha vez finalizado este proceso, acometerase o trámite expropiatorio para contratar as obras e executalas nun prazo de 12 meses.
Esta intervención contempla, entre outros aspectos, anchear os carrís, incorporar beiravías e rectificar 12 curvas para mellorar o trazado.
Por outra banda, no mes de marzo farase público o proxecto para o segundo treito, que vai dende Castrelo á Baiuca, en Palas de Rei, co fin de avanzar nos seguintes trámites. Así, completarase o arranxo do tramo autonómico deste importante eixe de comunicación, que suma uns 18 km e un investimento de máis de 6 millóns de euros, incluídas as expropiacións.
Esta obra permitirá conectar os concellos de Palas de Rei, Friol e Begonte entre si e coa A-54 e a A-6 en condicións de seguridade e comodidade.