Sae a licitación a obra da senda peonil de Friol entre o parque empresarial e o centro
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou na plataforma de contratación da Xunta a licitación das obras da senda peonil e ciclista de Friol, que conectará o parque empresarial co núcleo urbano da localidade.
O orzamento de licitación ascende a 268.600 euros e as empresas interesadas teñen de prazo ata o 22 de abril para presentar as súas ofertas. A plataforma pública de contratos informa sobre o proceso e pon a disposición dos interesados toda a documentación necesaria.
Unha vez que se contraten os traballos, o prazo máximo de execución será de seis meses. A senda discorrerá pola marxe do polígono industrial ata enlazar coas beirarrúas da área urbana, entre os puntos quilométricos 18,300 e 18,870 da estrada autonómica LU-232.
A nova vía peonil terá unha lonxitude de 570 metros e unha anchura de dous metros, se ben será preciso ampliar a sección transversal da estrada en case 5 metros para construír a maiores unha cuneta de seguridade, unha pequena zona verde, e outra cuneta exterior con arquetas e tubaxe para a recollida das augas de escorrentía.
Esta actuación da Axencia Galega de Infraestruturas forma parte do Plan de Sendas de Galicia, que pretende promover unha mobilidade máis sustentable favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.