Sae a licitación a xestión da piscina da Pastoriza para que abra en novembro
A piscina da Pastoriza comezará a funcionar finalmente a principios do mes de novembro, tal e como indicou a tenente de Alcalde, Elva Carreira, que avanzou que xa están publicados os pregos para a adxudicación da xestión desta instalación, que leva uns dez anos construída e sen funcionar.
A tenente de Alcalde indicou que decidiron publicar esta adxudicación pola vía de urxencia para poder axilizar os prazos despois de tantos atrancos.
Esta acción vén derivada da firma dun convenio do Concello coa Deputación Provincial, que lles permitiu avanzar na posta en marcha da piscina.
O prazo de presentación de proxectos está aberto ata o 2 de outubro e o tempo de concesión da xestión é de tres anos con prórrogas dun ano ou como moito de dous.
A empresa adxidicataria encargarse da xestión e tamén da limpeza, conservación e mantemento, atención e control dos usuarios, prestación de docentes para as actividades que se realicen, etc.
Tamén queda por aprobar en Pleno a ordenanza que regulará o funcionamento da piscina climatizada, no que se recollen horarios, prezos e tipo de actividades que se desenvolverán.