Saen a concurso as barras de bebidas e comida do FIV
O Concello de Vilalba publicou onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases reguladoras do concurso aberto para a explotación das barras de venda de bebidas e o espazo de comida do Festival Independente de Vilalba (FIV), que se celebra do 17 ao 19 de setembro.
En concreto, o procedemento é para a adxudicación da concesión en réxime de concorrencia das autorizacións para uso e explotación de dúas barras, unha no Campo da Feira e outra na praza da Constitución, e un espazo de venda de comida no Campo da Feira.
O prazo de presentación das propostas é de 5 días hábiles, ou sexa que remata o próximo venres, 10 de setembro.
É a primeira vez que o Concello de Vilalba saca a concurso as barras do FIV, co obxectivo de establecer un proceso aberto e transparente para todos os interesados.
O FIV de Vilalba celebrará este 2021 a súa 14ª edición. Unha oferta musical que naceu anos atrás ao amparo das Festas Patronais de Vilalba e que, tras máis dunha década de historia, foi adaptándose aos tempos ata converterse nun referente do calendario festivaleiro nacional.