Saen a licitación as obras de renovación do Santo Anxo de Rábade
A Consellería de Política Social vén de publicar a licitación das obras de renovación e ampliación das instalacións do edificio principal do centro de menores Santo Anxo da Garda, en Rábade. O proxecto conta cun orzamento de licitación de 201.150 euros.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o día 14 de outubro para presentar as súas ofertas.
Os traballos consistirán na substitución de parte das ventás, o acondicionamento de dous aseos -incluíndo a adaptación para mellorar a accesibilidade-, reforma do teito na zona da entrada, reposición de portas, pintado interior e mellora do chan, entre outros. Tamén se mellorará o sistema de seguridade.
O prazo de execución dos traballos será de dous meses. Toda a información necesaria para concorrer á licitación pode atoparse na plataforma pública Contratos de Galicia.