Saen a licitación as obras do conservatorio de Baamonde

TerraChaXa
O Concello de Baamonde sacou a licitación esta semana o proxecto de Reforma e Acondicionamento de Instalacións para Escola de Música
colexio baamonde
19 Feb 2022

O Concello de Baamonde sacou a licitación esta semana o proxecto de Reforma e Acondicionamento de Instalacións para Escola de Música, Baamonde-Begonte, cun orzamento total de execución  de 399.602,21 euros, desglosados en 330.249,76 euros de principal e 69.352,45 de IVE.

As obras, conforme ao proxecto redactado, están destinadas á reforma das instalacións do antigo colexio de Baamonde, concretamente dos Bloques 2 e 3, para destinalos a Escola de Música, co fin de dispoñer no municipio "dunhas instalacións acordes e axeitadas cos tempos actuais e co servizo a prestar, e que veñen a dar resposta a unha crecente demanda na comarca neste eido educativo, cultural e de ocio", explica a memoria do proxecto.

A licitación do proxecto faise por concurso público e nas bases establécese un total de 6 meses de prazo de execución. As empresas teñen 26 días para presentar as súas propostas.

Trátase da primeira fase deste proxecto que está dividido en lotes diversos nun proxecto amparado pola Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración.

0.19917893409729