Saen a licitación as obras para subministrar auga a tres parroquias de Cospeito

TerraChaXa
Augas de Galicia vén de abrir o proceso de licitación das obras da terceira fase de infraestruturas básicas hidráulicas do concello de Cospeito, cun orzamento de 800.
3 Xan 2019

Augas de Galicia vén de abrir o proceso de licitación das obras da terceira fase de infraestruturas básicas hidráulicas do concello de Cospeito, cun orzamento de 800.000 euros, que completa a rede principal de abastecemento en todo o municipio.

As empresas interesadas en optar a este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o 30 de xaneiro. As obras contarán cun prazo de execución de once meses, unha vez asinado o contrato.

A actuación consistirá na construción das canalizacións precisas para estender a subministración a Santa María de Cospeito, Xermar e Roás, que actualmente carecen dela.

O núcleo de Santa María de Cospeito conectarase co sistema da ETAP de Rábade mediante unha tubaxe que pasará tamén polo núcleo da Fonte. A mesma tubaxe continuará ata o núcleo de Xermar, ao que tamén dará servizo. Executarase unha segunda condución xeral conectada co sistema da ETAP das Paincegas, que é a que abastecerá ao núcleo de Roás. Así mesmo, prevese a execución de ramais secundarios das principais conducións proxectadas, que darán servizo a Xermar norte e sur, A Covela, A Insua, Rioveso-Santalla e A Fonte.

Esta terceira fase do proxecto inclúe a construción de infraestruturas auxiliares para garantir un sistema axeitado de tratamento de cloración en todo o trazado da rede. Con ese fin, instalarase unha caseta sobre a rede existente, na zona de Momán, con bombas dosificadoras. A subministración eléctrica farase mediante un kit solar.

Para controlar o subministro, colocaranse caudalímetros electromagnéticos á saída dos depósitos de Arneiro, Feira do Monte e Muimenta. Así mesmo, instalaranse sistemas de telexestión ou telecontrol, necesarios para o control de posibles fallos nos equipos ou para obter rexistros e históricos dos caudais tratados. Está prevista a colocación de cadros de control para centralizar a información en varios puntos da rede.

 

0.13002490997314