Saen a licitación as tan demandas obras de mellora do sistema de abastecemento de auga en Outeiro de Rei
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicará de xeito “inminente” as obras de mellora do sistema de abastecemento de auga no municipio de Outeiro de Rei. Nestes días están a ter lugar as mesas de contratación que avalían as ofertas presentadas. A actuación ten por obxecto reforzar o servizo de subministro de auga no concello mediante a ampliación da rede tal e como demandaban os veciños e os partidos da oposicón.
O proxecto ten un orzamento de licitación de 600.000 euros e un prazo de execución de seis meses. Prevé ampliar a rede de abastecemento, conectando a rede de distribución -que actualmente se alimenta mediante unha tubaxe que vai dende o depósito de cabeceira ata o polígono industrial de Matela- coa rede que se abastece da propia Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP). O concello de Outeiro de Rei dispón dunha ETAP que foi ampliada en dúas ocasións para aumentar a súa capacidade, e dous depósitos de cabeceira de 1000 e 2700 metros cúbicos, respectivamente.
Grande complexidade técnica
As obras consistirán na execución dun ramal principal cunha lonxitude aproximada de 3.032 metros de tubaxe de PVC. O delegado, salientou “a gran complexidade técnica da actuación” na que se contemplan a execución de dous cruzamentos subterráneos: un no río Miño e outro na estrada Nacional-VI, que se realizarán mediante perforación dirixida. O cruce do río Miño terá unha lonxitude de 128 metros e o da estrada N-VI será de 18 metros. O orzamento previsto para esta parte concreta dos traballos é de algo máis de 100.000 euros.
Unha vez executado o novo sistema de abastecemento, permitirá reforzar as condicións nas que se presta o servizo á poboación da zona, á cabana gandeira e ao parque empresarial de Matela.