San Cosme de Piñeiro acollerá un taller de musicoterapia o 12 de marzo

TerraChaXa
O obradoiro permitirá identificar os estilos musicais máis axeitados para o grupo participante, así como coñecer os efectos que distintos tipos de música teñen no estado de ánimo
taller-de-musicoterapia-a-pastoriza
10 Mar 2025

A Casa Escola de San Cosme de Piñeiro será o escenario dun interesante taller de musicoterapia, que se celebrará o 12 de marzo de 16:00 a 19:00 horas. Esta actividade, promovida polo Concello da Pastoriza, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns e o Servizo Galego de Saúde, ten como obxectivo utilizar a música como ferramenta de benestar e desenvolvemento persoal.

O obradoiro permitirá identificar os estilos musicais máis axeitados para o grupo participante, así como coñecer os efectos que distintos tipos de música teñen no estado de ánimo.

Tamén se traballará co corpo e coa voz para percibir sensacións musicais, interpretar cancións vinculadas á memoria e ás emocións, con especial atención ao folclore galego, e tocar instrumentos para fomentar a creatividade e a imaxinación. Ademais, haberá espazo para o baile, con movementos sinxelos que favorezan momentos de lecer e relaxación.

Esta iniciativa busca promover o benestar físico e emocional a través da música, ofrecendo unha oportunidade para aprender, compartir e gozar dun espazo de expresión creativa.

⚙ Configurar cookies
0.23353815078735