San Lourenzo de Árbol celebra un xantar popular polo San Xoán o sábado

A parroquia vilalbesa de Árbol continúa preparando o ano de festexos coa celebración do xantar popular polo San Xoán. A cita espérase que xunte o 21 de xuño a toda a veciñanza.
Os actos comezarán ás 13:30 horas coa misa na igrexa parroquial. Despois da procesión, a sesión vermú estará amenizada por Cerna de Árbol e La Hora Bruja.
Máis tarde haberá xantar popular para todos aqueles que previamente retiraran as súas entradas. A comida ten un coste de 30 euros e consta dun menú de entrantes, paella, codillo asado, tarta de milfollas, pan, bebida, café e licor. A data límite para anotarse é o 17 de xuño poñéndose en contacto con calquera membro da comisión. Para os nenos de 5 a 12 anos o prezo do menú será de 15 euros.
Durante a tarde haberá colchonetas para os nenos e xogos populares. Pecharase o día coa fogueira de San Xoán e a verbena, co mesmo dúo.