San Martiño de Pino contará cunha formación gratuíta sobre actuación en emerxencias

TerraChaXa
A iniciativa ten como obxectivo achegar á veciñanza coñecementos básicos e prácticos que permitan actuar con rapidez e eficacia en momentos críticos
curso-emerxencias-pino
24 Mar 2026

A Biblioteca Rural de San Martiño de Pino, no concello de Cospeito, será escenario este mércores dunha xornada formativa gratuíta centrada na actuación ante situacións de emerxencia. A actividade, organizada pola Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino en colaboración con Afalu Alzheimer, desenvolverase a partir das 17:00 horas.

A iniciativa ten como obxectivo achegar á veciñanza coñecementos básicos e prácticos que permitan actuar con rapidez e eficacia en momentos críticos. Durante a sesión abordaranse cuestións fundamentais como a atención inicial a unha persoa en risco, a aplicación de técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP) e a resposta ante outras posibles emerxencias que poden darse na vida cotiá.

Desde a organización destacan a importancia de contar cunha formación mínima neste ámbito, xa que pode resultar determinante á hora de salvar vidas ou minimizar as consecuencias dun incidente. A actividade está dirixida a todo o público interesado, sen necesidade de coñecementos previos.

As persoas que desexen participar deberán realizar inscrición previa a través da propia Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, promotora desta iniciativa que busca reforzar a preparación da comunidade ante situacións de risco e fomentar unha maior cultura de prevención.

0.12201881408691