San Martiño de Pino continuará o programa de Nadal coa presentación das obras do Certame de Poesía

TerraChaXa
Arrancou o 29 de novembro cun taller na Escola de Pino no que as persoas participantes aprenderon a crear a súa propia coroa de Nadal
taller-coroas-san-martino-de-pino
9 Dec 2025

A Asociación Veciñal Recreativo Cultural de San Martiño de Pino deu a coñecer a súa programación de Nadal, un conxunto de actividades culturais, lúdicas e familiares que se desenvolverán entre finais de novembro e comezos de xaneiro.

O programa arrancou o 29 de novembro cun taller na Escola de Pino no que as persoas participantes aprenderon a crear a súa propia coroa de Nadal, unha actividade para a que foi necesaria inscrición previa. O 13 de decembro terá lugar no Museo das Aves, na Feira do Monte, a presentación das obras do VII Certame de Poesía Torre de Caldaloba, un acto con acceso libre ata completar aforo.

As actividades continuarán o 20 de decembro coa visita da Apalpadora, tamén na Escola de Pino e dirixida ao público familiar, con entrada libre ata completar capacidade. O día 21 celebrarase unha excursión a Ribadavia e Ourense, para a que se require inscrición previa.

O 27 de decembro a Escola de Pino acollerá a celebración do Pre-Fin de Ano, unha proposta festiva destinada á veciñanza e que tamén precisa inscrición. Xa o 28 de decembro representarase na mesma escola a obra de teatro Os apuros dun pobre zapateiro, da compañía Augas do Sil, un espectáculo familiar con acceso libre ata completar aforo.

A programación culminará o 4 de xaneiro coa chegada dos Reis Magos á Escola de Pino, nunha actividade infantil que inclúe un taller para o que será necesaria a inscrición previa. Con este conxunto de propostas, a asociación busca dinamizar a vida cultural da parroquia e ofrecer alternativas de lecer para todas as idades durante as festas do Nadal.

programa-nadal-pino
⚙ Configurar cookies
0.076478004455566