San Miguel acolleu o sábado a xornada de billarda adiada o 2 de marzo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Por Daniel Rodríguez Saavedra.
billarda san miguel de reinante
25 Mar 2024

Por Daniel Rodríguez Saavedra.

O XIII Aberto de billarda de Flores do pasado 2 de de marzo que tivo que ser adiado, disputouse este sábado día 23 no campo das Valgas de San Miguel con asistencia masiva de palanadores, subliñadamente un bo puñado de rapaces de corta idade, algúns que collían o palán por primeira vez. En total xuntámonos 80 xogadores, 51 homes, 19 donas e 10 cativos.

Terreo en boas condicións nun día frío e ventoso que aínda que para nada desluciu a competida xornada, si puxo atrancos ao voo das billardas facéndolles por veces bailar o seo antollo.

O actual Coroceiro Milio, rematou con 23 puntos ao igual que Noé e os dous agardaban ao remate da carreira de Basilio que ía de pleno, mais ao mariñán púidolle a presión e só fixo dous puntos que non eran dabondo e só puido disputalo terceiro posto con Juanki.

Así pois nos desempates o resultado foi de Milio (Remourelle Bulls) primeiro, Noé (Troitas Bravas) segundo e Basilio (Billardeiros Musicais) terceiro.

En donas, maxistral xornada de Vanesa (Castiñeiro Milenario). Con 21 puntos superou a Aroa (Billardeiros Musicais) e á súa compañeira de equipo e líder das donas Cris

En infantís, botouse en falta os campións de Madia Leva (Diego e Mateu), o que permitiu que os Troitas Bravas coparan o podio infantil con Martín Sandonguero, Antía e Alba.

Por equipos mais unha volta mostraron ser superiores os Troitas Bravas, que con trinta participantes (o 37% do total), non deron chance a ningún equipo, Billarda Río Miño seguiunos de lonxe e terceiros os Billardeiros Musicais.

O seleccionador Manolo Flores foi o mestre de cerimonias na entrega de premios aos gañadores. Parabéns a tódolos participantes, en especial aos que fixeron podio.

As clasifiacións logo da décima xornada quedan así:

Individual:

  • Basilio (Billardeiros Musicais) 217 p.
  • Sachas (Troitas Bravas) 210 p.
  • Cortón (Billarda Rio Miño) 198 p.

Donas:

  • Cris (Castiñeiro Milenario) 119 p.
  • Aroa (Billardeiros Musicais) 116 p.
  • Vanesa (Castiñeiro Milenario) 105 p.

Infantis

  • Diego (Madia Leva) 148 p.
  • Mateu (Madia Leva) 121 p.
  • Alba (Troitas Bravas) 55 P.

Equipos:

  • Troitas Bravas (A Pontenova) 822 p.
  • Billardeiros Musicais (Ribadeo) 767 p.
  • Madia Leva (Lugo) 706 p.

A vindeira xornada será o sábado 20 de abril en Ponte de Outeiro.

0.1959969997406