San Paio de Narla acolle o sábado unha obra teatral
O Museo de San Paio de Narla acolle este sábado a representación da obra O mundo de Martiña, que estará a cargo de Bátega, con Raquel López Cendán e Pedro Insua.
A peza, que combina diálogos e cancións, conta a traxectoria vital de Martiña, "unha nena moi curiosa que se cuestiona todo aquilo que non entende", segundo explican os organizadores.
Martiña é unha nena moi curiosa e espilida, mais hai cousas que non logra entender, como, por exemplo, que as súas opinións sexan menos importantes que as dos adultos, nin por que ten que calar e obedecer sempre a papá, a mamá, ao pai Edelmiro, á tía Amparo... cando é evidente o trabucados/as que están acotío. Iso de que estean Deus, o Ratiño Pérez, os Reis Magos, ou o anxo da garda observandoa para xulgar o seu comportamento e premiala ou castigala, tampouco lle acaba de gostar.
Na segunda metade do espectáculo, veremos a Martiña medrar. Verémola afrontar a regra, a paixón adolescente, a autoridade paterna ou o duro mundo laboral. Verémola sortear obstáculos e sacar conclusións. A través dun monólogo teatralizado, musicado e entretecido con cancións, Martiña enfrontarase á vida coas armas que vai descubrindo. O seu espíritu crítico e as súas dúbidas respecto do establecido nunca a abandoarán.
A sesión terá lugar no propio museo, a partir das 17.30 horas.