San Paio de Narla lembra o neno friolense que levou a vacina da varíola a América
Inaugurouse no Museo Fortaleza de San Paio de Narla do proxecto expositivo O noso heroe volve á casa, que incorpora aos seus contidos a memoria de Juan Antonio, o neno de Friol que levou a vacina da varíola a América.
A mostra, comisariada polo xornalista e investigador Antonio López Mariño, inclúe textos, fotografías e documentos que contextualizan e explican a importancia para a historia da saúde pública da expedición da que Juan Antonio formou parte canda outra vintena de nenos galegos inoculados coa vacina da varíola.
Tamén achega información sobre a súa biografía, constatando que foi bautizado polo párroco de Santa María de Xiá o 22 de xaneiro de 1797 e entregado, cinco días máis tarde, na Inclusa do Real Hospital de Santiago, onde, aos seis anos, o recrutaron para transportar a vacina da varíola a América. Faleceu aos 10 anos, en Mexico, onde pasou por diferentes institucións benéficas.
A exposición afonda na liña de traballo da Rede Museística Provincial, centrada en proxectos que visibilizan as persoas que escribiron a historia desde unha posición social relegada, afastada dos espazos de poder.
Dossier informativo sobre os contidos do proxecto neste enlace