San Simón da Costa prepárase para celebrar as festas na honra a San Isidro Labrador

A parroquia de San Simón da Costa, en Vilalba, vivirá unha fin de semana repleta de festa, tradición e música para homenaxear a San Isidro Labrador. As celebracións comezarán o venres 16 de maio cunha liscada ás 22:00 horas, seguida dunha verbena amenizada pola discoteca móbil Eventec.
O sábado 17 de maio, pola mañá, terá lugar unha ruta cabalar que comezará coa recepción dos participantes e o almorzo ás 09:30 horas. A saída da ruta será ás 10:15 e durante o traxecto farase unha parada para degustar uns pinchos. Ao final da ruta entregarase un agasallo a todas as persoas participantes. Para anotarse na actividade hai dispoñibles varios teléfonos de contacto, e a data límite de inscrición é o 13 de maio.
Xa pola tarde, celebrarase a misa ás 13:30 horas, seguida da procesión e dunha sesión vermú a cargo do grupo Adrianos. Despois, os asistentes poderán gozar dunha comida campestre organizada polo Bar Fénix, con menú composto por paella, churrasco mixto, criollo con patacas fritas, viño, refrescos, auga, sobremesa, café e licores. O prezo é de 28 euros para adultos, 14 euros para nenos de 6 a 12 anos e gratis para nenos de 0 a 5 anos. Para participar na comida non é necesario asistir á ruta cabalar. Pola noite, a verbena contará coa actuación dos grupos Adrianos e Los Españoles.
O domingo 18 de maio volverá celebrarse misa ás 13:30 horas, con procesión e sesión vermú a cargo do Dúo Venus, que tamén porá o broche final ás festas cunha actuación na gran carpa instalada no campo cuberto.
Estas festas contan coa colaboración do Concello de Vilalba e da veciñanza da parroquia, organizada pola Comisión de Festas de San Simón da Costa. Será unha fin de semana para gozar en comunidade da música, a gastronomía e as tradicións populares.