Sancovade celebra a súa comida veciñal o sábado 7 de xuño

TerraChaXa
O data límite para anotarse é este luns, 2 de xuño, con calquera membro da asociación
xantar-vecinal-sancovade
1 Jun 2025

A parroquia de Sancovade celebrará o vindeiro sábado 7 de xuño a XVII Xuntanza e Comida Veciñal, un encontro consolidado no calendario festivo da localidade que terá lugar no campo de fútbol de Sancovade. A xornada comezará ás 14:00 horas cunha sesión vermú a cargo da cantante Verónica Cambón, e continuará con múltiples actividades durante a tarde.

Ás 18:30 horas terá lugar a actuación dos grupos Árdelle o Eixo e Quinteto 555, que darán paso á verbena nocturna, tamén animada por Verónica Cambón.

Os prezos da comida varían segundo a idade e se se opta por participar tamén na cea. A entrada será gratuíta para os nenos de 0 a 5 anos, mentres que os menores de 12 pagarán 15 euros. Para os maiores de 12 anos, os socios da asociación organizadora pagarán 30 euros ou 35 euros se inclúen a cea; os non socios deberán abonar 40 euros ou 45 con cea incluída.

As inscricións poderán facerse ata o día 2 de xuño, contactando con Almudena ou Lucía nos teléfonos indicados, ou a través de calquera membro da Asociación de Veciños de Sancovade, organizadora do evento. A festa conta ademais co apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo e do programa Tradigalu.

⚙ Configurar cookies
0.15324997901917