Sandra Vázquez defende os investimentos da Xunta en Vilalba
A Xunta de Galicia é con gran diferenza a administración que está a realizar un maior esforzo inversor en Vilalba ata o punto de que, no que levamos de ano, ten destinado 6,2 millóns de euros en obras e servizos neste municipio.
Así o avanzou a presidenta do Partido Popular na localidade, Sandra Vázquez, tras manter un encontro co delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro, no que avaliaron os principais proxectos impulsados pola Xunta.
Entre outras achegas, Vázquez salientou as destinadas á atención de persoas en situación de dependencia, que suman 1,5 millóns de euros, dos cales case 1 millón derivan dos pagos realizados ao concello para o sostemento do Servizo de Axuda no Fogar nos tres primeiros trimestres do ano.
A presidenta local tamén destacou o impulso ao tecido industrial a través de diversos programas de axudas da Xunta, que beneficiaron a unha trintena de empresas con subvencións que suman 748.000 euros. Son achegas para o establecemento de novas empresas ou a expansión das xa existentes, que proceden do Instituto Galego de Promoción Económica ou do Grupo de Desenvolvemento Rural. Igualmente, 62 traballadores autónomos recibiron axudas por importe global de 220.900 euros para iniciar un proxecto empresarial.
No ámbito do emprego, tamén lembrou que a localidade comparte de novo un obradoiro de emprego co concello de Abadín, financiado pola Xunta con 354.500 euros, e o concello vilalbés recibe case 68.000 euros para a contratación de cinco persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga).
No tocante ás infraestruturas, destacan os 510.000 euros destinados á Área de Rehabilitación Integral, os case 200.000 euros investidos na renovación da rede de abastecemento de auga da rúa Bispo Rouco Varela ou os 650.200 euros da mellora da travesía da antiga LU-126.
O concello recibe tamén, cada ano, 803.000 euros con cargo ao Fondo de Cooperación Local, unha achega que despois a administración local pode destinar, con liberdade, a financiar as obras e servizos que máis lle interesen.
Sandra Vázquez destacou que estes son só algúns dos investimentos executados ata a fecha, pero o volume final do orzamento que destina a Xunta ao municipio seguirá medrando a medida que se vaian certificando obras e xustificando subvencións que corresponden ao presente exercicio.
Ademais, engadiu, a contía sería aínda moito maior se temos en conta que a administración autonómica financia tamén o sostemento dos principais servizos públicos do municipio como é o caso dos centros educativos, o centro de saúde, a Casa da Xuventude, o centro Sociocomunitario ou os xulgados.