Sandra Vázquez defende "un goberno do PP para respectar a vontade maioritaria dos vilalbeses"
"Os vilalbeses elixiron maioritariamente o pasado domingo 28 de maio á candidatura do Partido Popular que, polo tanto, foi a forza política gañadora das eleccións municipais. Esa foi a vontade dos nosos veciños que cremos que debemos respectar dende a humildade”, defenden dende o PP de Vilalba.
Os populares lembran a súa vontade de “escoita permanente como vimos facendo e defendendo” e, nese sentido, ratifican a súa “disposición ao diálogo” e explican que “xa o iniciamos con algunha forza política”.
A candidata popular á alcaldía, Sandra Vázquez, agarda “coherencia” por parte dos distintos partidos “co que trasladaron os vilalbeses nas urnas”, onde o Partido Popular foi “o máis votado en tódalas mesas electorais cun apoio do 46,90%”. A popular traslada, nese sentido, “o meu máis sincero agradecemento aos 3.810 vilalbeses que nos deron a súa confianza a un equipo novo, humilde e traballador”.
Vázquez considera que “os vilalbeses deixaron claro que non queren un novo goberno liderado polo PSOE” e cre que “un tripartito non é o sentir dos vilalbeses”. “Os datos son os que son: o Partido Popular recibiu máis apoio que a anterior coalición de goberno (PSOE-Vilalba Aberta) xuntos e Vilalba Aberta e BNG tampouco alcanzan á forza máis votada, que é o PP”.
A candidata popular sinala que “neste mandato gobernou a lista máis votada no 2019, a do PSOE, en minoría e co mesmo número de concelleiros que obtivo agora o Partido Popular”.
Vázquez incide en que “o noso obxectivo é apostar por unha Vilalba con futuro” e, para iso, defende “un goberno forte liderado polo Partido Popular”.