Sandra Vázquez presenta a candidatura completa para as eleccións
Vilalba acolleu este venres o acto de presentación da candidatura coa que o PP concorre ás elección municipais do 28 de maio e que encabeza Sandra Vázquez.
A secretaria xeral do PPdeG; Paula Prado, afirmou que Vilalba está “desbordante de ilusión e de ganas de cambio” e que Sandra Vázquez será a próxima e mellor alcaldesa de Vilalba “porque ten un proxecto serio e rigoroso para este concello, un equipo disposto e preparado e porque non só sabe buscar solucións, senón tamén atopalas”.
“Sandra ten claro o que quere para Vilalba e sabe como facelo realidade porque ten as ideas claras, escoita aos seus veciños e coñece as súas necesidades. E ao final o éxito acaba chegando despois de traballar para conseguilo”, engadiu.
Paula Prado contrapuxo a capacidade de escoita e o coñecemento das necesidades da veciñanza da candidata popular fronte a un goberno local “carente de proxecto, cun equipo esgotado e incapaz de renovarse” e que, tal e como asegurou, é un “fiel reflexo dun PSOE galego que non é capaz de nin de atopar un líder nin de reter aos seus”.
“Votar ao PSOE o 28 de maio en Vilalba é votar a favor do peor goberno da historia deste concello, pero tamén é votar a Pedro Sánchez e a favor das súas políticas de maltrato a Galicia e nomeadamente a Lugo”, asegurou antes de poñer como exemplo a falta de conexións ferroviarias nesta provincia, os retrasos na reconstrución do viaduto da A-6, a negativa a baixar o IVE á carne e o incumprimento da Lei de Cadea Alimentaria.
A número dous dos populares galegos reivindicou que fronte a todo iso o PPdeG é “un partido que non ten máis intereses que os de Galicia” e os seus candidatos “non teñen outro compromiso máis que cos seus veciños”.
“En Vilalba temos á mellor candidata, o mellor equipo e o mellor proxecto para devolver a capital da Terra Chá á senda da que nunca debeu desviarse. A senda da xestión, da seriedade, do rigor, da estabilidade e dos bos gobernos que foron marca da casa con Agustín Baamonde e Gerardo Criado”, engadiu.
Facendo referencia a Manuel Fraga, a secretaria xeral do PPdeG concluíu que “non hai mellor xeito de honrar a súa memoria que facendo posible que o partido que el fundou volva gobernar Vilalba con maioría”.
SANDRA VÁZQUEZ: “SOMOS UN PARTIDO LÍDER, FORTE E UNIDO”
A candidata á alcaldía dixo aspirar a “construír un futuro para Vilalba” mediante “un camiño cheo de oportunidades, de proxectos e de iniciativas como as que caracterizaron os anteriores gobernos do PP”.
“Temos claro que Vilalba non se entende sen os vilalbeses e un Goberno municipal non se pode concibir tampouco sen ter en conta aos seus veciños”, asegurando que o seu proxecto basease “na escoita e na toma en consideración” das opinións da veciñanza na medida en que “son eles os afectados ante calquera decisión que se tome ou medida que se poña en marcha”.
Reivindicou neste sentido que a súa candidatura é “a alternativa para ofrecer aos vilalbeses un goberno estable, con capacidade de xestión e, sobre todo, con vontade política para escoitar a veciños, asociacións e entidades co obxectivo de construír unha Vilalba da que nos sintamos orgullosos e na que poidamos traballar e desenvolver as nosas vidas nas mellores condicións”.
Enfatizando que as súas propostas “nacen da escoita” e baséanse na “xestión próxima e eficiente da Administración local”, Sandra Vázquez marcouse como piares fundamentais a promoción dunha maior actividade económica, a prestación de servizos de calidade atendendo ás necesidades dos veciños e a atención ao rural”.
Sobre o equipo de 26 persoas que hoxe presentou, a candidata salientou: “A familia política é a que cada día se esforza por mellorar a calidade de vida dos seus veciños e en Vilalba esa familia é a familia do PP de Vilalba”.
“Presento unha candidatura dun partido líder, forte e unido. Un equipo de traballo constituído por homes e mulleres que representan a sociedade vilalbesa, pertencentes a diferentes parroquias e puntos do noso concello, de idades distintas, comprometidos, con formación e cun piar fundamental que os guía e os caracteriza: as gañas e a ilusión polo noso pobo”, afirmou antes.
Neste sentido concluíu que estas son as claves para “formar un goberno solvente e para traballar con determinación por Vilalba e por todos os vilalbeses”.
CANDIDATURA DO PP DE VILALBA
- Sandra Vázquez Domínguez
- Álvaro Fraga Castro
- Paula Gesto Díaz
- Daniel Orosa Pico
- Sandra López Rodríguez
- José María García-Leira Boado
- Patricia Teijeiro Álvarez
- José Franco Criado
- Amador Guerra Ramil
- Aida de Vicente Debesa
- Celine Fernández Janeiro
- Miguel Debasa Pena
- Félix Crego Fernández
- Begoña Novo Eimil
- Javier Castro Prado
- Lara Millor Yáñez
- José Antonio Pita Paz
- Miguel Ángel Fraga Prieto
- Vanesa Rodríguez Carreiras
- Eva Fuentes Prado
- Eulogio Rodríguez Vivero
- Carlos Rivas Cordal
- Cristina Díaz Pernas
- Fernando Gacio Freire
- Gloria Bodenlle Bodenlle
- Humberto Rouco Paz
- Luz Rouco Rubiños