Sandra Vázquez propón a creación dunhas xornadas literarias en Vilalba
A candidata do PP á alcaldía de Vilalba, Sandra Vázquez, propón a creación de xornadas literarias coas que poñer en valor aos autores vilalbeses e tamén aos da comarca da Terra Chá. Así o deu a coñecer na clausura dun acto cultural organizado polo Partido Popular de Vilalba que consistiu nunha percorrido polo Paseo dos Soños dende o Muíño do Rañego á praia da Madalena ao que asistiron, entre outros, Valentín García Gómez e Daniel Chapela.
Trátase dunha das iniciativas no ámbito cultural que recollen os populares no programa electoral de cara ás eleccións do 28 de maio. A proposta recolle a divulgación nos centros educativos, nas redes sociais e tamén con actividades específicas na biblioteca municipal das obras de autores vilalbeses e de toda a comarca; porque “Vilalba é a capital da Terra Chá e tamén ten que ser a capital literaria da Terra Cha”, expuxo Vázquez.
O Paseo dos Soños foi unha iniciativa da asociación cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María que permite poñer en valor o noso patrimonio natural á beira do emblemático río Madalena ao mesmo tempo que se recoñece a figuras literarias da Terra Chá a través de esculturas que son verdadeiras obras de arte feitas tamén por canteiros, ferreiros ou artesáns da comarca.
“Debemos sentirnos orgullosos de todos e todas elas e de moitas outras figuras relacionadas coa cultura e coa literatura que continuarán a protagonizar hectómetros literarios”, incidiu. Aproveitou tamén para lembrar que “son moitas as figuras vilalbesas relevantes tamén noutros eidos que levan o nome do noso concello polo mundo”.
“O Partido Popular está orgulloso de Vilalba e dos vilalbeses”. Así, “aplaudimos esta iniciativa equeremos amosar o noso compromiso para estudar outras propostas culturais que xurdan dende as entidades asociativas”, continuou. De feito, “estamos a construír un proxecto que ten en conta as achegas dos veciños e tamén das asociacións e colectivos porque entre todos construímos Vilalba”.