Sandra Vázquez reúnese cos colectivos de mulleres
As reunións de traballo do PP de Vilalba con representantes de distintos colectivos do municipio para escoitar de preto as súas necesidades e recoller as súas propostas continúan a desenvolverse “con boa aceptación”. Recentemente, a voceira e candidata popular á alcaldía, Sandra Vázquez, xunto a outros membros da executiva do PP vilalbés, mantiña unha xuntanza con representantes de asociacións de mulleres ás que lles agradece que “aceptaran a chamada do Partido Popular e fixeran un ratiño para abordar asuntos de interese para estes colectivos”.
Algunha das necesidades expostas durante a reunión foi a de dispoñer de locais máis amplos para desenvolver as súas actividades. Así mesmo, explicaron que a demanda de cursos baixou trala pandemia e que por iso consideran interesante “máis apoio para desenvolver actividades máis dinámicas que resulten máis atractivas e, ao mesmo tempo, favorezan o movemento social”. Nese mesmo sentido, móstranse a favor de desenvolver actos conxuntos entre as distintas asociacións de mulleres rurais que contribúen ao intercambio de ideas e a impulsar as relacións sociais entre as veciñas de distintas zonas do concello.
Vázquez asegura que “o Partido Popular toma nota para ter en conta no seu proxecto as propostas que lle achegan os veciños nas distintas reunións que estamos a levar a cabo”.