Sandra Vázquez supervisa en Outeiro de Rei o programa municipal de conciliación familiar
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investirá en 2024 un total de 6 millóns de euros (case un 34% máis ca este ano) para o desenvolvemento por parte das entidades locais de programas para fomentar a conciliación e a corresponsabilidade. Así o destacou onte á tarde a secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, que visitou o colexio público Laverde Ruiz onde se desenvolve o Programa municipal de conciliación familiar e apoio á educación do concello lucense de Outeiro de Rei. Un programa que recibiu un apoio do Goberno galego de preto de 75.000 euros na convocatoria deste ano.
En concreto, deste programa municipal benefícianse durante todo o ano 134 familias e 167 menores. Consta de servizo de madrugadores, de tardes -como o visitado hoxe- e tamén de actividades para os máis pequenos en períodos vacacionais, como é o caso do Nadal que está a piques de chegar.
A secretaria xeral sinalou que os 6 millóns de euros presupostados para o ano que vén darán apoio a accións dirixidas a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade no eido local -financiadas a través do Plan Corresponsables- para a posta en marcha de medidas orientadas a facilitar a conciliación e a corresponsabilidade das familias con menores de ata 16 anos inclusive, tendo prioridade as familias monoparentais, as vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, desempregadas de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou as unidades familiares nas que existan outras circunstancias relacionadas cos coidados.
As axudas máximas ás que optan as entidades locais son de 150.000 euros no caso de solicitude individual e de ata 225.000 euros se a xestión é compartida. Apoiaranse, dunha banda, as bolsas de coidado profesional a través de dúas modalidades: para a habilitación de servizos que poidan prestarse no domicilio das familias por un número determinado de horas semanais; ou que teñan lugar en dependencias públicas habilitadas para o efecto, tales como escolas, centros municipais, multiusos, polideportivos ou ludotecas, entre outros. Doutro lado, tamén se conceden axudas para a realización de plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no eido dos coidados.
Apoio aos CIM e á igualdade
Estes 6 millóns de euros forman parte dun programa que contará cun orzamento para 2024 de case 11 millóns de euros. Así, a segunda liña de financiamento é a dirixida a apoiar o labor dos Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia, unha rede composta na actualidade por 84 oficinas que dan cobertura a preto de 200 concellos e atenden unha media de 9.500 mulleres cada ano. Invístense preto de 4,5 millóns de euros a esta actuación para financiar os gastos das persoas profesionais destes centros que desenvolven postos laborais de dirección, asesoramento, xurídico, atención psicolóxica, persoal técnico e axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. Cada entidade local poderá recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso de solicitudes conxuntas.
O programa inclúe, por último, apoios para a posta en marcha de accións para a promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero para o que se dedican 500.000 euros. Neste caso, as entidades locais poden recibir como máximo 15.000 euros no caso dunha solicitude individual e de 28.000 euros se é compartida entre varios concellos.