Sanidade continuará en dous meses cos proxectos dos centros de saúde de Meira e Outeiro de Rei
O Sergas recibiu xa ofertas de catro empresas para elaborar o proxecto da ampliación do centro de Meira, unha obra que superará os 1,5 millóns de euros. En Outeiro de Rei comezan os trámites para licitar o proxecto unha vez o Concello certificou a adquisición da parcela que permitirá unificar centro de saúde e PAC.
A Consellería de Sanidade adxudicará nun prazo de dous meses o proxecto de ampliación do centro de saúde de Meira e iniciará os trámites para licitar o de Outeiro de Rei. Así o anunciou hoxe no Parlamento de Galicia a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, en resposta a unha pregunta parlamentaria do Grupo Popular.
A xerente do Sergas avanzou o estado destas infraestruturas sanitarias básicas para a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. A ampliación do centro de saúde de Meira, incluída na Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, poderá adxudicarse en dous meses. “Licitamos o contrato por case 160.000 euros e abrimos o prazo de presentación de ofertas, que expirou o día 8 de novembro; así que podemos anunciar que catro empresas presentaron ofertas para realizar este proxecto, e que agardamos completar o proceso de adxudicación en dous meses”.
Estrella López-Pardo sinalou ademais que o Sergas comezou os trámites para licitar o proxecto do futuro centro de saúde e PAC de Outeiro de Rei, unha vez o Concello certificou a adquisición da parcela que permitirá unificar as dúas infraestruturas. López-Pardo lembrou tamén que o futuro centro de saúde e PAC de Outeiro de Rei incluíuse na Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias ao priorizar Xunta a necesidade asistencial de integrar os dous puntos de asistencia sanitaria do Concello nun mismo espazo.
Características dos proxectos
A xerente do Sergas referiuse ás características das actuacións que se van levar a cabo nestas infraestruturas sanitarias. Así, no caso do centro de saúde de Meira, consistirán nunha ampliación do inmoble ata superar os 1.200 m2, o que significa triplicar a superficie do actual edificio.
Isto permitirá crear novos espazos como unha unha consulta de enfermería pediátrica, unha sala polivalente, ou unha sala de técnicas na que realizar ecografías, cirurxía menor ou o programa da muller. Tamén, no PAC incorporarase un box de críticos e melloraranse a zona de recepción e a sala de espera. O centro contará por primeira vez con despacho de coordinación, sala de estar e vestiarios para o persoal
A obra de Meira “suporá un importante Un beneficio para os profesionais e pacientes. Non só de Meira, xa que este centro é tamén o PAC de referencia para os municipios da contorna, como A Pastoriza, A Pontenova, Ribeira de Piquín e Riotorto”, engadiu López- Pardo, quen calcula que o investimento nesta obra superará os 1,5 millóns de euros.
En canto ao proxecto do futuro centro de saúde e PAC de Outeiro de Rei, a xerente do Sergas sinalou que para estes novos espazos formulouse un plan funcional que prevé unhas novas instalacións de 334,6 m2 anexas ao actual centro de saúde onde se situaría un PAC cun maior tamaño das consultas de medicina e enfermería, e da sala de observación que alberga o box de críticos. Tamén, se incorporarán novos espazos, como unha sala polivalente ou vestiarios, ademais de integrar a base da ambulancia localizada.
Reforma do centro de saúde da Milagrosa
A xerente do Sergas tamén abordou na súa intervención no Parlamento as obras de reforma do centro de saúde da Milagrosa na cidade de Lugo, da que – dixo – “estamos ultimando os pregos para licitar antes de rematar o ano a contratación do proxecto arquitectónico”. López-Pardo abundou que trátase dunha obra prioritaria para o Servizo Galego de Saúde pola antigüidade do centro -48 anos- e os importantes problemas de accesibilidade que plantexa; así como pola porta en marcha do Centro de Saúde do barrio da Residencia, “que vai mudar de xeito substancial a demanda asistencial en A Milagrosa”.