Sanidade establece o nivel 2 en Galicia e limita as reunións a un máximo de 5 persoas
A Consellería de Sanidade vén de anunciar o establecemento do nivel 2 de restricións en toda Galicia, onde ademais se limitarán as xuntanzas a grupos dun máximo de 5 persoas.
Neste senso, a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma fica no nivel 2 de restricións, unha circunstancia que incidirá nos aforos e na ocupación dos espazos dos diferentes ámbitos sociais.
Entre as decisións adoptadas polo Comité clínico que fai o seguimento da evolución da covid-19 na nosa comunidade, e tras constatar o aumento de contaxios, tamén decidiu incrementar ata o nivel 3 de restricións o concello de Santiago e a localidade do Milladoiro (Ames), onde ademais as xuntanzas ficarán restrinxidas a persoas conviventes.
Os bares e cafeterías da capital de Galicia e desta localidade amiense tamén verán restrinxido o seus servizos no interior dos locais, quedando limitada a súa actividade ao 50% do número de mesas das súas terrazas.
A pesar da mellora que presenta a evolución epidemiolóxica nos concellos de Ourense e Barbadás, ambos continuarán a manterse no nivel 3 de restricións, xunto coa limitación de xuntanzas exclusivas entre conviventes e o peche da mobilidade perimetral entre os dous concellos, xa en vigor desde o pasado 7 de outubro.
Unha das novidades introducidas no día de hoxe polo Comité clínico foi elevar ao nivel 3 de restricións aos concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós, onde se establecerá un peche de mobilidade perimetral que só permitirá desprazamentos entre os tres municipios. Ademais, as xuntanzas entre persoas nestes concellos ficará limitada só a persoas conviventes.
Seguindo na provincia de Ourense, o Comité de expertos deciciu restrinxir todas as actividades non esenciais nos concellos de O Carballiño, O Irixo e Boborás, ao considerar preciso reforzar as medidas de prevención co obxecto de evitar a propagación do virus nestes municipios. Así mesmo, continuarán coa restrición de mobilidade perimentral xa establecida e coa limitación de xuntanzas entre de grupos de persoas conviventes.
Todas estas medidas, que se publicarán mañá no Diario Oficial de Galicia, entrarán en vigor dende as 00,00 horas do xoves.
AS NOVAS MEDIDAS
Nivel 2 (en toda a comunidade)
- As reunións non poderán ter máis de 5 persoas
- Quedan prohibidas as festas e verbenas
- Os aforos en negocios e restaurantes continúan ao 50%
- Os aforos en terrazas estarán no 75%. Segue prohibido o consumo nas barras dos bares
- Limitacións de asistentes a vodas, velorios, encontros deportivos e campamentos cun máximo de 100 persoas.
Nivel 3 (para os concellos en vermello no mapa)
- Prohibido servir no interior de bares e cafeterías.
- En terrazas e restaurantes, máximo 5 persoas por mesa.
- Restricción da mobilidade nos concellos en alerta máxima
- Prohibidas as reunións de non convivintes.
OS NOVOS DATOS DA PROVINCIA
O San Froilán está a pasar factura e o Sergas vén de anunciar novos cambios de estado entre os distintos municipios da provincia. Así, Lugo pasa a nivel 3 de alerta e Monforte ao 2. Mantéñense en alerta amarela Vilalba, Baleira e Láncara e en nivel 1 Láncara, Bóveda y Cospeito.
Na provincia hai actualmente 3.676 persoas que pasaron a enfermidade. Delas, 3.066 están xa curadas e 518 activas nestes intres. Ademais, hai que sumar 92 falecidos tras 40 casos novos nas últimas 24 horas. Hospitalizadas están 19 persoas, 17 no Hula (3 na UCI) e unha en Monforte e outra en Burela.